Este Nadal Cómpre Facer Deporte
Este Nadal Cómpre Facer DeportePrograma A alternativa que medra. Esta frase recolle os obxectivos operativos que desde a Concellaría de Deportes foron programados para o Nadal 2008. Nun primeiro lugar foi a nosa intención crear proxectos alternativos nos que sexan atendidos e conciliados valores de tanta transcendencia e importancia como os hábitos de vida saudábeis, os educativos, os económicos, os de integración social ou mesmo os de ocio activo, entre outros, e que, ao mesmo tempo, sexan ofrecidos aos cidadáns e cidadás, como servizos da máis alta calidade. A ferramenta empregada foi o deseño de Liñas Programáticas Plurais, modernas e flexibles, cuxas actividades deben e teñen que integrar os diversos e variados gustos e necesidades das familias, facilitando a oferta desta práctica físico-deportiva para todos os nosos veciños e veciñas. O segundo dos obxectivos foi traballar nunha mellora e incremento constante, para medrar cuantitativa e cualitativamente, mais sempre coa responsabilidade de exercer o control, a adaptación e o reaxuste deste proceso. Pódovos asegurar que os avances percorren o camiño con pasos de xigante: o Plan de Actividade Física e Deporte (PAFeD) enchoupa xa o noso concello. A transformación da acción deportiva é xa unha realidade. A meirande parte dos nosos esforzos, e que tiveron lugar neste primeiro ano, foron orientados con este propósito. Entre algúns deles destacamos: No bloque da actividade para a saúde, novidades como as Fins de Semana Activas. Esta iniciativa consiste na realización de circuítos de andainas, saídas en bicicleta, ou correndo, cun obxectivo común, fomentar hábitos de vida activos. En canto ao bloque das actividades formativas (campus, cursos, xornadas técnicas), incremento do número de prazas, e das modalidades deportivas, sempre coa premisa dunha diversificación da programación que permita a accesibilidade a toda a cidadanía. En relación aos campus multideporte, que xa comezaron no verán do 2008, indicar que nesta edición incorporarán elementos novos moi atractivos para que os miúdos gocen na pista de xeo nunha das súas xornadas e poidan así experimentar o movemento nun medio pouco habitual. Xa no bloque das actividades na natureza, preséntanse iniciativas como saídas á neve, submarinismo, iniciación á equitación para discapacitados, cursos de surf etc; e, finalmente, no bloque de eventos deportivos, primaranse nesta edición os torneos e trofeos de participación aberta sobre o exclusivo espectáculo. Para rematar, gustaríame dende aquí transmitirvos unha mensaxe que estimule a vosa participación, cómpre facer deporte. Sen máis, e cos mellores desexos para o 2009, Bo Nadal…….Activo!!!. Xoán Xosé Martínez Cajigal Concelleiro Delegado de Deportes Políptico con toda a información