A ASOCIACIÓN VECIÑAL DE NOVO MESOIRO AMOSA O SEU MALESTAR POLO CORTE DA ESTRADA DE FEÁNS E A REPERCUSIÓN QUE ESTÁ TENDO SOBRE A VECIÑANZA.
A veciñanza denuncia falta de información sobre as alternativas para a circulación, amosa a súa solidariedade coa Xunta Rectora do polígono de POCOMACO e volve a demandar das administracións unha solución definitiva aos problemas de acceso ao barrio de Novo Mesoiro.
A Xunta Directiva da A.VV. de Novo Mesoiro quere amosar a súa indignación polos graves prexuízos que está a causar o corte da estrada de Feáns, principal vía de acceso ao barrio de Novo Mesoiro, debido ás obras de canalización do río Mesoiro.
Desde a asociación sempre se entendeu que as obras, neste caso a canalización do río Mesoiro, son positivas e melloran a nosa calidade de vida, mais non entendemos que para esta actuación en concreto se corte, cun ridículo aviso a través dunha nota na web municipal e sen garantir alternativas de circulación, a principal vía de comunicación do barrio coa cidade.
Asemade, entendemos que houbo mais que unha evidente falta de planificación e falta dos estudos necesarios como para tomar esta drástica decisión do corte total desta estrada xa que logo non só é a estrada de transito de entrada e saída do noso barrio, máis ala, é a estrada onde conflúe todo o tráfico dos barrios de Feáns, Mesoiro vello, Urbanización Breogán o propio polígono de POCOMACO e, principalmente, o tráfico da estrada CP0512 que une a Coruña coa A6 por Uxes.
O colapso de tráfico nas horas punta é máis que evidente, causa retencións de entre media hora e 45 minutos e se desvía polo polígono de POCOMACO, circunstancia esta última que amosa aínda máis a improvisación do corte. Se emprega a infraestrutura do polígono, tramo viario cun único carril de circulación en ambos sentidos pensado para entrada e saída de camións en naves, cargas e descargas de mercadorías, e loxística en xeral, como estrada provincial, co seu volume de tráfico diario e coas súas circunstancias derivadas. En conclusión, estase a prexudicar á veciñanza dos barrios afectados, aos traballadores e traballadoras do polígono de POCOMACO e ás persoas usuarias de diario e circunstanciais da estrada CP0512
Esiximos que as obras de mellora que se están realizando rematen á maior brevidade e que se recupere a normalidade circulatoria e, de paso, se tome nota do estado no que na actualidade se atopa a propia estrada, con tramos sen beirarrúas e tramos con baches e/ou pavimento moi deteriorado que necesita dun arranxo inmediato. Por último lembramos, e como xa se ten suxerido desde esta Asociación nas reunións que se mantiveron con distintos responsábeis públicos, da necesaria elaboración dun plano de mobilidade que avalíe o impacto da conexión coa terceira rolda precisamente á altura na cal se está producindo hoxe en día o corte, e que xa prevemos provocará unha mais que evidente distorsión circulatoria.