Reunións con todos os partidos con representación en María Pita

A Xunta Directiva da Asociación de Veciños de Novo Mesoiro rematou este xoves a rolda de reunións cos grupos políticos con representación en María Pita.

A Xunta Directiva cualifica como moi proveitosa esta rolda xa que foi quen de lle trasladar as 29 principais demandas e peticións nas que está traballando desde que asumiu o mandato.

A construción dun Colexio/Instituto, o Centro Cívico, o Centro de Saúde e a Seguridade Viaria son varías das principais preocupacións do barrio de Novo Mesoiro.

A Xunta Directiva da A.VV. de Novo Mesoiro celebrou este xoves 16 a última das reunións con representantes das distintas formacións políticas con representación en María Pita. O BNG, o PSOE, IU e o PP, por esta orde, reuníronse nestas últimas semanas coa xunta directiva da entidade veciñal contrastando impresións e intercambiando opinións sobre a situación actual do barrio de Novo Mesoiro.

Deste xeito, a veciñanza trasladoulle a todos os grupos a lista de 29 actuacións e reivindicacións na que xa veñen traballando desde o anterior mandato.

Entre estas cabe destacar a solicitude do acondicionamento e urbanización do corredor entre as rúa Fragas do Eume e Ribeira Sacra solicitando por fin a dotación dunha partida orzamentaria para elo nos orzamentos municipais 2015, e que parece estar en vías de resolución.

Respecto ao Centro de Saúde de Novo Mesoiro, tamén trasladaron a petición de dotalo dunha praza máis para o servizo de pediatría, da súa apertura con atención ao público en horario de tarde, de dotalo de servizo de urxencia e da reserva dun espazo para ambulancias e persoas minusválidas no exterior do mesmo.

Respecto ás infraestruturas, mobilidade e seguridade viaria, a veciñanza tamén demanda a construción, nos tramos que aínda faltan, e a ampliación, das beirarrúas na estrada CP0512, nomeadamente nos tramos da rotonda de POCOMACO, estrada de Mesoiro e estrada de Feans, e que depende da Deputación, para poder ter un acceso peonil ao barrio. Outro aspecto tratado foi o da construción dunha mediana separadora de calzada na rúa Illas Sisargas e na avenida Novo Mesoiro entre a segunda e terceira rotonda, e a instalacións de alumeado na pista de terra no parque de Novo Mesoiro e que é empregada para deporte en horas do serán nas que no inverno xa e noite e non existe iluminación. Do mesmo xeito, tamén pedíronse dotacións económicas para a conservación e adecuación destas pistas coa fin de crear un paseo global e que unise todas as zonas posteriores do barrio e que dan ao polígono de POCOMACO.

Outros temas tratados, no marco destas entrevistas, foron os servizos sociais. Así a Xunta Directiva demanda ampliar o Centro Cívico coa fin de ter unha biblioteca que dea servizo ás zonas de Novo Mesoiro, Mesoiro, Feáns, e incluso o Birloque, Martinete e Castro de Elviña (a máis próxima é a Biblioteca “Miguel Gonzalez Garcés” de Elviña), a ampliación das prazas das actividades do propio Centro Cívico, xa que na convocatoria deste ano (2014) houbo máis de 500 solicitudes sen atender nas distintas actividades, e tamén ampliar o horario tanto da ludoteca como da apertura do mesmo xa que non cumpre a demanda da veciñanza para unha conciliación familiar e uso integral, polo que moitos veciños, nin sequera se preocupan por facer uso destas instalacións.

Xa por último, e como principal punto destas reunións tratouse a necesidade de construción dun Colexio/Instituto na área dotacional reflexada no PXOU para o barrio. Agora mesmo hai case mil nenos e nenas censados menores de 5 anos no barrio de Novo Mesoiro. Dentro de 10 anos todas e todos eses nenos terán que ir a un CEIP ou un IES, sen contar aos que naceron en 2013, 2014 e os que nacerán desde este ano. Por iso solicitouse a Intermediación ante a administración que lle corresponder, nomeadamente Xunta de Galiza, para iniciar os procedementos necesarios para a planificación e execución, á maior brevidade, dun centro educativo na contorna de Novo Mesoiro, así como instar a axilizar, na medida competencial que lle corresponde ao concello, para a habilitación e adecuación dos terreos de carácter dotacional destinados para a construción dese centro educativo, conforme ao PXOM e regulamentos e leis derivadas.

Xunta Directiva da A.VV. Novo Mesoiro.