A A.VV. Novo Mesoiro presenta 3.957 sinaturas reclamando un colexio para Novo Mesoiro #CPIparaNovoMesoiro
A A.VV. de Novo Mesoiro, xunto con pais e nais do barrio, presentaron esta mañá na Xefatura Provincial da Consellaría de Educación 3.957 sinaturas recollidas durante a campaña para a solicitude dun colexio para o barrio.
A entidade veciñal, que reclama un CPI (Centro Público Integrado) para Novo Mesoiro, estima que o “prazo de tres anos para estudar a proposta” anunciados polo conselleiro de educación non están xustificados.
A inversión prometida para o CEIP Manuel Murguía é celebrada mais debe ser considerada como un primeiro paso para realizar un plano integral de inversións en materia educativa para todo o conxunto da contorna de Mesoiro-Feans-Elviña.
Desde a A.VV. lémbrase que a iniciativa da recollida de sinaturas solicitando a construción dun colexio naceu dun grupo de pais e de nais de Novo Mesoiro con nenos e nenas matriculados en colexios de fora do barrio.
A solicitude presentada pretende que sexan incluídas as partidas económicas necesarias nos orzamentos xerais da Xunta para o ano 2016 para que a obra poda xa iniciarse a principios dese mesmo ano. O obxectivo que se persegue é que xa para o curso lectivo 2016-2017, ou coma máis tardar no 2017-2018, xa se comecen a impartir as aulas de infantil para que, progresivamente, se vaian integrando as liñas de primaria e secundaria. Deste xeito, ponse de manifesto que a Asociación Veciñal manexa tempos distintos que a Xunta e considera que, o prazo que se deu o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para “pensar” a conveniencia ou non da construción dun CPI, este xa podería estar funcionando.
Incídese desde a A.VV. que no distrito censual 9, a data de 1 de xaneiro de 2014, a poboación infantil, nenos e nenas de menos de 10 anos, é de 2.089 persoas, 1.231 no grupo de idade de 0 a 4 anos e 858 no grupo de 5 a 9 anos, sendo a idade media da poboación censada en Novo Mesoiro de 30 anos, polo que a solicitude está máis que xustificada, tanto demográfica como socioloxicamente.
Nesta campaña, na que se repartiron follas de sinaturas por todos os comercios do barrio e se colocaron mesas de recollida, a resposta da veciñanza foi inmediata e, como se pode comprobar polas case 4.000 sinaturas acadadas, unánime, mesmo apoiando ao facer recollida entre familiares e amizades, e axudando a compilar o maior número de adhesións nos seus achegados. É por iso que desde a A.VV. se quere trasladar un agradecemento pola axuda recibida, e sobre todo, ás nais e pais do barrio que tiveron a idea de comezar con esta solicitude e que non fan que demostrar que iniciativa cidadá está sempre por diante das actuacións das administracións.
asi asi, con el BNG a todas partes. Como se os ve el plumero.