O Concello colocara contenedores para a recollida diferenciada de roupa usada e materiais téxtiles en Mesoiro

A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou na mañá deste luns a campaña que o Concello promove para a recollida diferenciada de roupa usada e materiais téxtiles, e que se inicia hoxe coa colocación dos primeiros contedores que se instalarán por toda a cidade para permitir que a cidadanía deposite esta clase de residuos. O programa, que se desenvolve a través dun convenio coa entidade Padre Rubinos, abre así a súa primeira fase coa instalación de 22 depósitos en espazos municipais da cidade –principalmente centros cívicos e mercados municipais–, e continuará nas próximas semanas con outros 53 recipientes. O convenio contempla un total de 125 contedores, que se irán distribuíndo progresivamente na cidade ata o mes de xuño. “O Concello quere potenciar este tipo de recollida diferenciada, que ten unha grande calidade na separación e que, sobre todo, está servindo para introducir socialmente a persoas con necesidades de reincorporarse ao mercado laboral”, valorou a responsable municipal, quen avanzou que o departamento de Medio Ambiente está traballando para implantar este sistema a outros produtos. “Temos que aproveitar este tipo de residuos valorizables, que revisten interese económico, para acadar unha maior igualdade e maior inserción laboral da cidadanía”, apostou a concelleira, quen explicitou tamén “o interese do Goberno local por facilitar que a xente separe os residuos na casa, como xa ven facendo, para que estes non aparezan no contedor amarelo e, posteriormente, na planta de tratamento”.

unnamed

Esta iniciativa, que a concelleira presentou hoxe xunto ao presidente da entidade Padre Rubinos, Eduardo Aceña, intégrase dentro do proxecto estratéxico RE­CIDADE da Concellería de Medio Ambiente, orientado a potenciar a xestión dos residuos na cidade mediante a participación cidadá e a través de accións encamiñadas á redución dos refugallos, a mellora da separación selectiva e da reciclaxe, co obxectivo tamén de contribuír á xeración de emprego e a integración laboral de persoas en risco de exclusión social, en colaboración cos axentes sociais involucrados. Neste caso, o programa contempla a instalación dun total de 125 contedores e inclúe tamén un servizo de recollida a domicilio, cuxa xestión poderá facerse a través do teléfono 981 909 292. Os primeiros puntos de recollida estanse a implantar nos centros cívicos de San Diego, Castrillón, Palavea, Feáns, Mesoiro, Os Mallos, Monelos e Os Rosales, ademais doutros puntos como son o Fórum Metropolitano, os mercados de Ramón Cabanillas, As Conchiñas, Elviña, Adormideras, Monte Alto e praza de Lugo, o polideportivo do Ventorrillo, a praza de Santa Catalina, a praza de Pontevedra, o ambulatorio de San José o Campo de Marte, a Farmacia Militar e a sede da institución Padre Rubinos.