O punto limpo móbil estará en Novo Mesoiro o 12 e 13 de Febreiro
Concellería de Medio Ambiente informa de que o punto limpo móbil desprazarase esta semana á rúa Claudio San Martín, na zona dos Castros, onde quedará instalado o martes 2 e o mércores 3. En horario de 09.00 a 14.15 horas, as persoas que o desexen poderán empregar este servizo para depositar pequenas cantidades de certos residuos do fogar que non teñen cabida nos contedores das rúas, tales como aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, pilas, CD, cristal, lámpadas e fluorescentes, pinturas e vernices, radiografías ou tóner, así como roupa, zapatos, xoguetes e pequenos electrodomésticos (como televisores, microondas e computadoras). O vehículo conta cun operario para axudar á cidadanía a depositar cada residuo no contedor correspondente. A Concellería destaca que este servizo facilita a xestión de residuos e promove a reciclaxe a través da recollida selectiva. O xoves, día 4, pasará pola zona dos Rosales, en concreto, a Praza Elíptica e o venres e o sábado estará na zona dos Novos Ministerios (Praza Luís Seoane).
Ao longo deste mes de febreiro, o punto móbil pasará por até 11 ubicacións distintas. Ademais das citadas anteriormente, os días 10 e 11 estará en Vioño. As xornadas do 12 e 13 ubicarase en Mesoiro, o primeiro día en Fragas do Eume, 12, e o segundo en Illas Sisargas. Durante o 16 e o 17 de febreiro instalarase na praza da Audiencia Provincial (r/Capitán Juan Varela), mentres que o 18 irá a Matogrande (Enrique Mariñas, 32). Os días 19 e 20 de febreiro instalarase no Campo de Marte, mentres que o 23, 24 e 25 irá a Praza Pablo Iglesias para rematar en Adormideras o 26 e 27 de febreiro, na rúa Regata Cutty Sark.