O Mapa da Biodiversidade sinala a zona natural da Torre, o conxunto de San Pedro e Bens e a contorna do río de Mesoiro e Castro de Elviña como os principais espazos naturais da cidade

A concelleira de Medio Ambiente, María García, adiantou este venres, coincidindo coa celebración do Día da Biodiversidade –que se conmemora a nivel internacional este domingo–, os avances no Mapa da Biodiversidade, o documento que elabora o Concello para catalogar as especies e hábitats naturais do municipio. Como salienta García, o proxecto ten xa detectados os tres espazos naturais que, pola súa especial relevancia, están considerados como os de maior riqueza biolóxica do termo municipal, como son a contorna da Torre de Hércules, a zona de San Pedro, Bens e Nostián e a zona do río de Mesoiro, Feáns e Castro de Elviña, espazos aos que se engade o parque de Santa Margarita e Paseo das Pontes. Como observa a responsable municipal, o catálogo, que se está a realizar e que recollerá datos de todo o ano, permitirá coñecer o estado da diversidade biolóxica na cidade, e servirá ao Goberno municipal como ferramenta de xestión á hora de impulsar accións nesta materia, “que está dentro das liñas estratéxicas do departamento”. García indica tamén que o documento será útil no campo da divulgación, para visualizar e sensibilizar á cidadanía “e que poida tomar conciencia das riquezas ambientais da cidade, que son moi relevantes”.

A análise elaborada nos primeiros dous meses de ano baséase nun total de 1883 datos recollidos, que permitiron detectar un total de 474 especies animais, vexetais e de fungos, unha cifra que se verá incrementada cos datos recollidos nas restantes estacións do ano. Destacan nelas as 176 plantas con flor catalogadas ou as 41 algas, así como as 114 clases de aves, as 13 de animais mamíferos ou os 5 tipos de anfibios, ou os 21 tipos de peixes. O estudo revela que ata 369 desas especies están localizadas nas tres zonas recoñecidas como de especial riqueza, número que tamén se verá completado ao longo do estudo.

Para celebrar o Día da Biodiversidade, a Concellería de Medio Ambiente desenvolveu este venres unha actividade coas cativas e cativos do CEIP Fernández Latorre, que realizaron unha visita á Lagoa de Eirís, onde recibiron información sobre a problemática que supoñen as especies invasoras; antes, os nenos e nenas, de cinco anos, participaron nunha charla sobre os beneficios da diversidade biolóxica.

Folleto informativo

Por outra banda, desde a Concellería de Medio Ambiente estase a elaborar un folleto para dar a coñecer o patrimonio que representa o espazo natural da Torre de Hércules, e que comezará a repartirse nas actividades deportivas e de ocio que se desenvolven na contorna do monumento, para poñer en valor a “extraordinaria diversidade de especies vexetais e animais silvestres”, entre elas algunhas protexidas, así como os hábitats de interesere europeo que se poden coñecer alí, e sensibilizar á cidadanía da importancia da protección deste espazo natural. A este repecto, a concelleira destaca o “extraordinario privilexio da Coruña por contar cuns cantís que permiten gozar da natureza en estado puro e convivir coas especies nese reduto de diversidade” e salienta “o deber colectivo de contribuír á súa conservación”.

O impreso inclúe información sobre algunhas das especies animais e vexetais máis características deste enclave, como a Herba de Namorar que medra nos cantís na primavera, e recolle unha serie de consellos dirixidos a facilitar a conservación do espazo.