O Punto Limpo Móbil estará o día 27 en Novo Mesoiro (Illas Sisargas)

A Concellería de Medio Ambiente vén de informar da situación do servizo do Punto Limpo Móbil para o mes de agosto, no que se achegará ata 11 ubicacións distintas da cidade. Desde hoxe e até o xoves 4 instalarase o barrio dos Castros, en concreto no número 5 da rúa Claudio San Martín, mentres que o venres 5 e sábado 6 atoparase na Praza Pablo Iglesias. En horario de 09.00 a 14.15 horas, as persoas que o desexen poderán empregar este servizo para depositar pequenas cantidades de certos residuos do fogar que non teñen cabida nos contedores das rúas, tales como aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, pilas, CD, cristal, lámpadas e fluorescentes, pinturas e vernices, radiografías ou tóner, así como roupa, zapatos, xoguetes e pequenos electrodomésticos (como televisores, microondas e computadoras). O vehículo conta cun operario para axudar á cidadanía a depositar cada residuo no contedor correspondente. A Concellería destaca que este servizo facilita a xestión de residuos e promove a reciclaxe a través da recollida selectiva.

Nos seguintes días, o servizo estará dispoñible para a veciñanza o 9 e 10 en Lonzas, no parque infantil da avenida de Cádiz, e do 11 ao 13 na praza da Audiencia Provincial (r/ Capitán Juan Varela). Os días 16 e 17 o punto de reciclaxe instalarase na rúa Regata Cutty Sark, o 18 e 19 na rúa Gaiteira, á altura do número 31, e o 20 de agosto no Campo de Marte. Na seguinte semana, os días 23 e 24 o Punto Limpo Móbil situarase na praza Luís Seoane, en Novos Ministerios, mentres que nas xornadas do xoves 25 e venres 26 situarase na praza das Conchiñas, e o día 27 en Mesoiro (Illas Sisargas). Finalmente, o servizo estará dispoñible os días 30 e 31 de agosto na praza Elíptica dos Rosales.

Para máis información, pode consultarse a páxina web municipal www.coruna.es/puntolimpomobil