O Punto Limpo Móbil estará o sábado no barrio
A Concellería de Medio Ambiente vén de informar da situación do Punto Limpo Móbil para este mes de marzo, no que o servizo se achegará a dez ubicacións distintas da cidade. En concreto, até o venres, 3 de marzo, instalarase na avenida de Cádiz, mentres que o sábado 4 estará en Mesoiro, na rúa Illas Sisargas. Posteriormente, e durante as xornadas do 7 ao 9 de marzo recalará na rúa Regata Cutty Sark, en Adormideras e, contra a fin de semana, os días 10 e 11 estará na praza Luis Seoane –Novos Ministerios–. Do día 14 ao 16 ubicarase na Gaiteira, á altura do número 31, mentres que os días 17 e 18 estará operativo nos Castros –Avenida da Pasaxe, 25-33–. Os días 21, 22 e 23 habilitarase o servizo da área de Medio Ambiente na rúa Capitán Juan Varela e os días 24 e 25 na praza das Conchiñas. Finalmente, o Punto Limpo Móbil situarase do día 28 ao 30 de marzo na praza Pablo Iglesias do Castrillón e, o venres 31, na praza Elíptica dos Rosales.
En horario de 09.00 horas a 14.15 horas, as persoas que o desexen poderán empregar este servizo para depositar pequenas cantidades de certos residuos do fogar que non teñen cabida nos contedores das rúas, tales como aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, pilas CD, cristal, lámpadas e fluorescentes, pinturas de vernices, radiografías ou tóner, así como roupa, zapatos, xoguetes e pequenos electrodomésticos (televisores, microondas e computadoras). O vehículo conta cun operario para poder axudar á cidadanía a depositar cada residuo no contedor correspondente. A Concellería destaca que este servizo facilita a xestión de residuos e promove a reciclaxe a través da recollida selectiva.