INFORMACIÓN DA A.V. A RESPECTO DA SUPOSTA INTENCIÓN DA CONSELLARÍA DE MEDIO AMBIENTE DE INSTALAR UNHA PLANTA DE TRATAMENTO DE RESIDUOS INDUSTRIAIS E URBANOS A MENOS DUN QUILÓMETRO DE NOVO MESOIRO.

No día 9 as entidades e representantes de distintas zonas próximas (A.VV. de Feáns, A.VV. de Morás, A.VV. da Zapateira, A.VV. de Castro de Elviña, Urbanización Breogán, TECOR Societario de San Fernando San Vicenzo de Elviña, BNG A Coruña e BNG Arteixo e nós, A.V. de Novo Mesoiro) reunímonos por primeira vez para tratar conxuntamente a posíbel instalación dunha Planta de tratamento de residuos industriais e urbanos no Lugar da Teixoeira – Santa Icía, en Arteixo, a menos dun quilómetro do noso barrio.
Todas as entidades entendemos que, de ser certa esta información, ningunha estaríamos a favor desa instalación e comezariamos a realizar as accións oportunas para impedir a súa construción.
Para a semana que ven comezariamos de xeito conxunto unha serie de actividades para lograr ese obxectivo común.
Entre todas estas, que serán informadas debidamente, unha das actuacións será presentar, como entidade cada unha, as alegacións colectivas oportunas ao proxecto de impacto ambiental, xa que logo aínda está en prazo a presentación das reclamacións que se visen necesarias. Do mesmo xeito, isto tamén supón alentar a presentación de cantas máis alegacións individuais entre todas as socias e socios de cadansúa asociación.
Deste xeito animamos a toda a veciñanza e a todas as socias e a todos os socios da Asociación a presentar as alegacións para impedir a construción desta planta tan preto do noso barrio.
O enlace co formulario para facela é o seguinte:

http://cmaot.xunta.gal/formulario-de-participacion-da-avaliacion-ambiental-de-proxectos?cp=2017%2F0050&desc=Planta+de+valorizaci%C3%B3n+e+almacenamento+de+residuos+industriais+e+urbanos+non+perigosos+na+parroquia+de+Oseiro

O prazo de remate para a presentación destas alegacións vai ser inminente, polo que animamos a facer a reclamación canto antes.

Tamén poñemos aquí enlace co estudo de impacto ambiental no que se basea a posibilidade da instalación da Planta. É este:

http://cmaot.xunta.gal/seccion-tema/c/Avaliacion_ambiental?content=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Avaliacion_impacto_ambiental_proxectos/Seccion_AIA.html&sub=Participacion_publica/&ui=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Avaliacion_proxectos/dinamico/proxecto_aap_0079.html

Achegamos tamén un plano cos distancias relevantes de onde se quere instalar a Planta.