A Concellería de Medio Ambiente completa a reurbanización do Camiño do Casal, uns traballos que serviron para recuperar unha senda tradicional e mellorar a conectividade peonil entre Feáns e Novo Mesoiro

A ??Concellería de Medio Ambiente vén de completar os traballos de reurbanización do Camiño do Casal –tamén coñecido como o Camiño do Convento–, unha senda tradicional de preto dun quilómetro que une o centro cívico de Mesoiro co cemiterio de Feáns. Deste xeito, e como destaca a concelleira desta área, María García, recupérase un itinerario tradicional que antigamente conectaba Feáns coa parroquia de Santa Icía, en Morás (Arteixo) e que discorre, ao completo, por solo rústico de especial protección. “Trátase dun camiño público con algunhas singularidades, que está arrodeado por terreos forestais, e no que existen carballos, en concreto cerquiños, ademais de formacións rochosas graníticas nalgunhas das beiras”, salienta a edil, que sinala que nos puntos máis elevados, o camiño permite avistar as agras de Feáns.

Os traballos, cun investimento de 37.444 euros, inclúense dentro das actuacións que o Concello desenvolve co obxectivo de crear unha rede de mobilidade, tanto peonil como de vehículos, que facilite a conexión dos núcleos tradicionais e a súa contorna. No caso de Feáns, a intervención neste camiño únese aos traballos desenvolvidos para a da rúa do Correlo, actuación que respondeu a demandas da veciñanza da zona, e onde tamén se mellorou a conexión entre Feáns e Mesoiro a través da reurbanización e posta en valor desta vía rural, na que as actuacións serviron ademais para transformala en plataforma única con zonas diferenciadas polo uso de diferentes materiais, de cara a unha mellor convivencia entre o tráfico de automóbiles e o de peóns. Na mesma zona, o Concello rehabilitou tamén o Camiño de Campos, que conecta a zona de Feáns co Castro de Elviña e dá solución tamén ás necesidades de conexión das leiras da zona.

“Falamos de intervencións dirixidas a conservar e recuperar entornos tradicionais que perviven na Coruña, e que serven tamén para fomentar unha mobilidade máis branda, con alternativas para o tránsito peonil e o paseo”, destaca García, que subliña tamén que estas intervencións supoñen tamén un paso máis na estratexia de recuperación da conectividade natural na zona. Neste sentido, a concelleira sinala que este camiño dá acceso ao que será o futuro Bosque de Breogán, unha proposta municipal incluída no proxecto Bosques da Coruña, que servirá para restaurar unha área degradada en Feáns e crear nela un grande espazo verde de 83.000 metros cadrados na súa zona central, a través da plantación de especies autóctonas de árbores e de sotobosque, a creación dunha rede de sendeiros e a instalación de mobiliario para o lecer e o descanso. Na mesma liña, a responsable municipal alude á futura restauración ambiental do río Mesoiro ao seu paso por Feáns, “un proxecto que avanzará nesa conectividade peonil e natural do barrio”.