Presentamos no Concello un informe a respecto das demandas sobre o Pavillón Deportivo do barrio

Este luns pasado, a través da sede electrónica do Concello da Coruña, presentamos un informe a respecto da situación do Pavillón Deportivo e que incluía demandas de mellora das propias instalacións, sobre os seus usos, mellora na xestión e facilidade para o emprego da veciñanza do barrio, ademais de solicitar, tamén, melloras na súa contorna, dirixíndoo á Concellaría de Cultura e á Concellaría de Barrios para que ambas tiveran coñecemento de primeira man.

A elaboración dese documento realizouse despois de recoller varias demandas da propia veciñanza durante os últimos anos e que foron trasladadas á concelleira de Comercio, Mercados e Barrios, Diana Sobral, nunha reunión que mantivemos con ela a finais do ano pasado. Tal e como explicamos no limiar do propio informe, logo daquela reunión, e como continuación da mesma, recibimos un correo electrónico da Concellaría na que se nos instaba a pasar por escrito as propostas que a Asociación entendía como necesarias para o Pavillón polo que procedemos a elaborar e enviar, ao coidado da Área de Deportes do Concello da Coruña ese escrito.

Posteriormente a aquel envío, seguimos recibindo suxestións a respecto destas instalacións do barrio. E chegamos a nos reunir coa actual directiva do Club de Balonmano Linea 21, o clube de balonmán do noso barrio, que nos achegou toda unha serie de cuestións a maiores das que xa tiñamos coñecemento, ampliando e completando as propostas e que conformaron o documento final a modo de informe.

Como con todos os documentos que elaboramos e presentamos, xa o colgamos na nosa nube para que poda ser descargado; premendo neste enlace podes miralo.