Nova andaina das #RutasSaudábeis que facemos coa Asociación Contra o Cancro

Onte pola tarde fixemos a segunda andaina das #RutasSaudábeis que estamos a realizar en colaboración coa AECC A Coruña.

Comezo da andaina no monte da Pena da Ragacha

Fixemos un camiñar que transcorreu polo monte da Pena da Regacha, o camiño dos romeiros a Pastoriza e o seu amilladoiro, pola contorna de Conxes e pasamos polos nacementos do rego de Moitos e o rego de Carneiros.

E aproveitamos, a unha semana, xa, da «noite máis curta do ano», para recoller 5 das 7 herbas de San Xoán, que crecen por toda esta contorna, para llas agasallar a todas as persoas que participaron.

Herbas de San Xoán que entregamos ás participantes da andaina

Nos nosos montes crecen o fento, a xesta, o fiúncho e a malva de xeito natural. O romeu plantouse na contorna do Centro Cívico (lugar de saída e chegada das rutas) como sebe ornamental e agromou alén da zona inicial.

As outras dúas herbas, a herba de San Xoán, rara vez témola por aquí; localizámola o ano pasado no monte da Pena Loureira, o monte ao carón de Vío, maís quedaba moi fora da ruta de hoxe para poder ir buscala. E a herba Luisa aínda nunca a vimos, polo que se a atopas algunha vez, se vas camiñar pola nosa contorna, avísanos para poder incluíla no noso rexistro da flora de Novo Mesoiro.

E lembra, se queres participar nas #RutasSaudábeis (a próxima será o vindeiro mércores 30 de xuño) podes apuntarte en:
Teléfono: 900 100 036. Email: acoruna@aecc.es

#CoñeceNovoMesoiro

#DescobreNovoMesoiro