El Delegado de la Xunta envía la nota de prensa

O DELEGADO TERRITORIAL DA XUNTA NA CORUÑA MANTIVO UNHA NOVA REUNIÓN COS REPRESENTANTES DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE NOVO MESOIRO

 

  • Diego Calvo recordoulles que a construción das vivendas de promoción pública en Eirís e Mesoiro iniciounas en maio de 2005 o goberno da Xunta anterior ó bipartito, que en catro anos no foi quen de rematar e adxudicar as vivendas.
  • O delegado territorial tamén explicou que a lista de adxudicatarios elaborouna o Concello da Coruña e foi a Comisión Provincial de Vivenda en marzo de 2008 a que aprobou, de xeito definitivo, a lista de adxudicatarios.


A Coruña, 26 de outubro de 2009.-
O delegado territorial da Coruña, Diego Calvo, mantivo esta tarde un novo encontro cos representantes da Asociación de Veciños de Novo Mesoiro. Esta é a terceira reunión que mantén o delegado con esta asociación veciñal. Dende a súa chegada á Delegación Territorial, Diego Calvo comprometeuse a recibir e escoitar a todos os veciños coa intención de explicar con claridade e transparencia todo o proceso de adxudicación das vivendas de promoción pública de Eirís e Mesoiro, máis aínda despois das denuncias sobre presuntas irregularidades que fixeron algúns veciños.

En todas as reunións, Calvo deixou claro que as obras de construción das vivendas de Eirís e Mesoiro iniciounas en maio de 2005 o goberno da Xunta anterior ó bipartito. Calvo aclarou tamén que, en case catro anos, a anterior Consellería de Vivenda foi incapaz de acabar a construción dos pisos e comezar a adxudicación dos mesmos.

Tal e como se comprometera, a Xunta revisou administrativamente os expedientes de adxudicación. Despois de facer as comprobacións oportunas a Xunta pode asegurar que non hai ningunha irregularidade administrativa. A adxudicación de vivendas é firme dende marzo de 2008, xa que foi aprobada na Comisión Provincial de Vivenda na que estaban representados tanto o bipartito da Xunta de Galicia como os representantes do Concello da Coruña. Esta decisión soamente pódea revocar o xulgado de instrución nº2 de A Coruña, que admitiu a trámite unha denuncia por supostas irregularidades no proceso de elaboración dos listados de adxudicatarios por parte do Concello de A Coruña.

A Xunta atópase agora cunhas vivendas case rematadas. Estase a reparar as vivendas de Eiris despois dos danos sufridos polo furacán Klaus, dos que a anterior Consellería de Vivenda desentendeuse e non iniciou sequera a redacción do proxecto para a execución das obras de reparación. No caso dos pisos de Novo Mesoiro a empresa pediu unha prorroga de dous meses, co que esta previsto o remate das mesmas para finais do 2009.

Calvo asegurou aos veciños de Novo Mesoiro, ó igual que xa fixo con outras asociacións de veciños, que a política de adxudicación de vivendas da Xunta está baseada, única e exclusivamente, no cumprimento da lei. O delegado territorial mostrou aos representantes veciñais o acta da Comisión Provincial de Vivenda, ocultada durante catro anos polo anterior goberno na Xunta, no que se aproba a adxudicación conxunta e definitiva das 256 vivendas (112 en Eirís e 144 en Novo Mesoiro).

Polo tanto, o seguinte paso agora e proceder á adxudicación das 256 vivendas baseándose na lista de adxudicatarios, que non de realoxados. Unha adxudicación que sa vai facer mediante sorteo xa que sempre se fixo deste xeito por ser o sistema máis xusto e obxectivo. No sorteo se terá en conta tamén, as necesidades das familias, ou sexa, farase tendo en conta se as familias requiren de pisos de catro, tres o dous habitacións.

Diego Calvo tamén insistiu en que a proposta da Xunta e que, si no futuro efectivamente xorde algún problema con algún adxudicatario en Eirís ou Novo Mesoiro, entón os veciños terán que trasladalo á Comisión de Integración do Concello da Coruña e a propia Xunta que ofrece a súa colaboración para buscar de xeito conxunto entre as dúas administracións a mellor solución posible para os casos concretos que poidan darse.