O Concello pon á disposición da cidadanía dous novos espazos TEUs en Novo Mesoiro, “que estarán abertos para o uso común do barrio, pero que tamén poderán ser solicitados pola veciñanza para eventos particulares”
??A veciñanza da Coruña disporá de dous novos locais TEU, (Espazo Aberto de Uso Cidadán da Coruña), localizados en Novo Mesoiro dende o vindeiro 3 de decembro. A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, deu a coñecer esta mañá a ampliación desta rede de espazos despois de que a mesma se estrease o pasado mes de outubro coa posta en funcionamento do Faro de Oza como primeiro TEU. De cara a dotar de máis información sobre o seu uso á veciñanza, o Concello dará a coñecer estes dous locais, localizados nos números 15 e 17 da rúa Ribeira Sacra, cunha xornada de portas abertas con actividades gratuítas o vindeiro domingo 2 de decembro.
O funcionamento destes dous novos espazos ten unha serie de características propias e é que combinan varias posibilidades de uso restrinxidas en franxas temporais delimitadas.“Estes locais en Novo Mesoiro deben dar resposta tamén a unha das necesidades do barrio e da área, que foi detectada en xuntanzas con entidades e nun proceso participativo que se levou a cabo o pasado ano, que é a escaseza de espazos públicos para a veciñanza e para a mocidade que vive na zona”, apuntou Delso en rolda de prensa. Por iso, os dous espazos municipais incorporan dous sistemas para o seu emprego diferenciado “xa que estarán abertos para o uso común do barrio, pero tamén poderán ser solicitados por calquera veciño ou veciña para eventos particulares, como acontece co faro de Oza, que está a ter moi boa acollida”. Deste xeito, calquera persoa ou entidade pode reservar de maneira gratuíta e previa reserva o espazo durante as fins de semana e as mañás, así como as tardes dos venres (entre as 20.30 e as 22.00 horas) ademais de durante todas as tardes do mes de xullo e todo agosto (durante toda a xornada) seguindo a mesma modalidade que se aplica en Oza. Ademais disto, os dous locais de Ribeira Sacra estarán abertos, de forma xeral durante as tardes da semana, para calquera persoa que queira achegarse e facer uso do espazo, que ten postos de lectura e conexión a Internet por wifi, en horario de 17.00 a 20.30 horas. “Detrás desta rede de espazos TEUs está a idea de que máis persoas se vexan beneficiadas dos recursos públicos e que poidan acceder a eles a través dun modelo de xestión diferencial, facilitador, accesible e simple”, manifestou a responsable municipal. “Todo o mundo poder facer uso destes espazos, en calquera das súas dúas modalidades. En xeral, están abertos de forma xeral a toda a cidadanía que precisa dun lugar para estar, traballar, conectarse á rede ou desenvolver actividades colectivas, ademais de a asociacións, entidades sen ánimo de lucro ou colectivos informais que, ben por non ter local ou por non ter os recursos necesarios, desexen desenvolver unha actividade nestes espazos de carácter social ou cultural e que sexa gratuíta para as persoas asistentes”.