Reunión coa Área de Deportes do Concello

Onte pola tarde mantivemos unha reunión coa Concellaría de Deportes do Concello da Coruña na que, ademais de técnicos da área, tamén participou a concelleira Mónica Martínez e o asesor da propia área Alfonso Hermida.

Os asuntos a tratar foron os recollidos no noso informe (que podes descargar do seguinte enlace https://t.co/kj9vOgEGW6 ) a respecto da situación do pavillón deportivo.

Imaxe exterior do pavillón de Novo Mesoiro

Nesta reunión, que a fixemos no mesmo pavillón do barrio, o persoal da concellaría explicou a iniciativa de modernización das instalacións deportivas que ten pensado desenvolver e que daría resolto as principais demandas que recollemos no noso documento. A esta altura é inconcebíbel que non haxa unha aplicación informática ou app móbil pola que podas ter acceso a ver as horas libres para poder facer reservas para o uso do pavillon, que este non teña acceso a internet ou liña telefónica ou mesmo, como demandaban as entidades federativas que empregan o noso pavillón, a posibilidade de ter algún sistema de retransmisión vía streaming ou tv en directo para poder emitir os partidos que disputan, nalgún caso de competición nacional ou estatal.

Do mesmo xeito, tamén, falamos das melloras necesarias no exterior do pavillón, como a necesidade de colocar un vao para deixar libre o acceso ao pavillón ou de despexar a saída de emerxencia posterior e que dá ao Centro de Saúde.Por último, desde Área aproveitaron para nos trasladar que en breve iniciarase unha pequena actuación no campo Johan Cruyff para reparar as zonas deterioradas do campo e que están en xestión coa propia Fundación para que esta inclúa nos seus orzamentos do ano que vén unha actuación máis profunda para a pista.

Presentamos no Concello un informe a respecto das demandas sobre o Pavillón Deportivo do barrio

Este luns pasado, a través da sede electrónica do Concello da Coruña, presentamos un informe a respecto da situación do Pavillón Deportivo e que incluía demandas de mellora das propias instalacións, sobre os seus usos, mellora na xestión e facilidade para o emprego da veciñanza do barrio, ademais de solicitar, tamén, melloras na súa contorna, dirixíndoo á Concellaría de Cultura e á Concellaría de Barrios para que ambas tiveran coñecemento de primeira man.

A elaboración dese documento realizouse despois de recoller varias demandas da propia veciñanza durante os últimos anos e que foron trasladadas á concelleira de Comercio, Mercados e Barrios, Diana Sobral, nunha reunión que mantivemos con ela a finais do ano pasado. Tal e como explicamos no limiar do propio informe, logo daquela reunión, e como continuación da mesma, recibimos un correo electrónico da Concellaría na que se nos instaba a pasar por escrito as propostas que a Asociación entendía como necesarias para o Pavillón polo que procedemos a elaborar e enviar, ao coidado da Área de Deportes do Concello da Coruña ese escrito.

Posteriormente a aquel envío, seguimos recibindo suxestións a respecto destas instalacións do barrio. E chegamos a nos reunir coa actual directiva do Club de Balonmano Linea 21, o clube de balonmán do noso barrio, que nos achegou toda unha serie de cuestións a maiores das que xa tiñamos coñecemento, ampliando e completando as propostas e que conformaron o documento final a modo de informe.

Como con todos os documentos que elaboramos e presentamos, xa o colgamos na nosa nube para que poda ser descargado; premendo neste enlace podes miralo.