Por unha Lei Galega da Saúde Mental

A Asociación Veciñal vén de iniciar unha colaboración coa Fundación Salma para a recollida de sinaturas de apoio, no noso barrio, a unha Iniciativa Lexislativa Popular por unha Lei Galega da Saúde Mental.

Na actualidade non existe na Galiza unha lei específica que recolla e salvagarda os dereitos das personas con problemas de saúde mental e que concrete con claridade as obligacións da Administración para garantir a atención sanitaria e a continuidade terapéutica. Isto implica que as persoas doentes, moitas veces, non teñan garantida unha atención acaída á súa doenza ou que, mesmo, o seu tratamento non teña uns protocolos establecidos ou sexan adecuados a unha temporalización axeitada para unha alta médica.

Pois a Fundación Salma vén de elaborar unha proposta articulada en forma de lei (que se pode ler integra premendo aquí) para que se debata no Parlamento galego e que inclúa todos estes dereitos e protocolos. Para isto elaborou esa ILP, ou Iniciativa Lexislativa Popular, que precisa dunha recollida de sinaturas, avalada pola Xunta Electoral, e que obriga ao Parlamento Galego a debatir a proposta. En total necesitan recoller 10.000 sinaturas en toda Galiza para que a súa proposta sexa debatida e, neste sentido, contactou connosco para que lle botemos unha man a recoller parte das sinaturas no noso barrio, cousa que imos realizar, como non podería ser doutro xeito.

A Asociación deixou as follas para poder asinar nas dúas farmacias que existen en Novo Mesoiro, tanto na farmacia Lage da rúa Ribeira Sacra, como na farmacia Nuria Alonso, da avenida de Novo Mesoiro, e até alí pódese achegar e lles botar unha man para que a súa proposta chegue ao Parlamento. Deste xeito, e durante os dous próximos meses, pódese preguntar polos pregos de sinaturas, xa que logo, ao ser unha iniciativa que ten un percorrido administrativo, ten que presentarse en tempo e forma, habendo un prazo, que para este caso remata en decembro.

Asinar esta ILP non implica que se estea de acordo co que nela se propón aprobar; asinar esta ILP significa que se apoia que se leve ao Parlamento galego para que en sede parlamentaria haxa o debate. Isto provocará que, unha vez que chegue ao Parlamento, os partidos políticos que alí están representados (PP, BNG e PSOE) se posicionen e se visualice se están polo labor de crear a lei ou de presentar emendas ou propostas para que, se procede, dea un encaixe mellor para o seu desenvolvemento dentro da estrutura do Sergas e do sistema de saúde galego. Por iso é importante botarlles unha man a recoller as sinaturas: porque estase a provocar un debate a respecto dunha situación que afecta a miles de persoas (a saúde mental) e que hoxe en día non ten cobertura no sistema sanitario.

Fotografía tomada nunha das farmacias colaboradoras onde poder asinar a iniciativa da Lei galega da Saúde Mental

Moitas grazas por asinar e colaborar con esta iniciativa da Fundación Salma.

#NovoMesoiroSolidario

O monte da Pena Loureira novo camiño das #RutasSaudábeis

Para este mércores 14 de xullo, nunha nova andaina das #RutasSaudábeis que realizamos conxuntamente coa Asociación Contra o Cancro da Coruña, eliximos o monte da Pena Loureira.

Deste xeito, e como facemos en todas as rutas, partindo ás 19.00 h do Centro Civico do noso barrio, realizaremos unha ruta que percorrera parte do polígono de Pocomaco e do polígono de Vío para subir todo este monte que nos ofrece vistas ao propio barrio de Novo Mesoiro, ao núcleo pobacional de Vío e á cidade da Coruña e ao concello veciño de Arteixo, nomeadamente aos núcleos de Vilarrodís e o Quinto Pino.

Xunsto antes de chegar ao polígono de Pocomaco, pasaremos ao carón da canalización do rego de Moitos, un dos regatos que conflúen no río Mesoiro, e que á súa vez forma parte da rede do río Monelos.

Xa no curuto do monte da Pena Loureira temos dúas alternativas: ben baixar ao carón da Canteira do Moucho, para logo tomar o camiño dos Romeiros a Pastoriza e volver cara o barrio polo monte da Pena Regacha ou atallar polo polígono de Vío pola rúa Basco Ibáñez, a través deste monte, por onde nace o propio rego de Moitos.

Se queres participar da ruta aínda estás a tempo de poder anotarte. Lembra, para facelo tes que chamar ao teléfono 900 100 036 ou ben escribir un correo electrónico a acoruna@aecc.es

#CoñeceNovoMesoiro #DescobreNovoMesoiro

O mércores 30 nova andaina das #RutasSaudábeis

Este vindeiro mércores 30 realizaremos a terceira andaina que vimos desenvolvendo en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro da Coruña.

Despois das dúas primeiras experiencias estanse a consolidar os grupos que desenvolven esta actividade e que agardamos se vaian ampliando toda vez que avanza a vacinación contra a Covid-19 e imos superando a pademia.

Neste sentido lembramos que para participar nestas rutas aínda temos que nos seguir apuntando previamente chamando ao teléfono gratuíto 900 100 036 ou ben enviando un correo electrónico ao enderezo acoruna@aecc.es.

Vista do noso barrio desde a parte sur do monte do Castro de Elviña

Para este mércores escollerase un trazado «máis urbano» que percorrera os camiños tradicionais na contorna do Castro de Elviña aproveitando a súa cercanía ao noso barrio. Coma todas estas rutas partiremos do Centro Civico de Novo Mesoiro, ás 19.00 h, para baixar pola rúa do Convento e a rúa do Correlo até Feáns. Desde aí colleremos o camiño de Campos que vai paralelo ao rego de Campos (que se canaliza por baixo da estada da Deputación DP0512, á altura da Sampaio) para logo coller a desviación cara o camiño do Castro de Elviña que pasa por baixo da Terceira Rolda. E xa no monte do Castro de Elviña colleremos polo camiño das Penas da Agra para voltar polo vieiro para peóns e bicicletas que percorre paralelo ao pobo de Mesoiro.

Aínda estas a tempo de te anotar se queres participar deste percorrico que ofrece vistas moi chulas do noso barrio, da Coruña e do propio Castro de Elviña, ademais de percorres camiños que teñen séculos de historia.

Vémonos o mércores.

#CoñeceNovoMesoiro #DescobreNovoMesoiro

Nova andaina das #RutasSaudábeis que facemos coa Asociación Contra o Cancro

Onte pola tarde fixemos a segunda andaina das #RutasSaudábeis que estamos a realizar en colaboración coa AECC A Coruña.

Comezo da andaina no monte da Pena da Ragacha

Fixemos un camiñar que transcorreu polo monte da Pena da Regacha, o camiño dos romeiros a Pastoriza e o seu amilladoiro, pola contorna de Conxes e pasamos polos nacementos do rego de Moitos e o rego de Carneiros.

E aproveitamos, a unha semana, xa, da «noite máis curta do ano», para recoller 5 das 7 herbas de San Xoán, que crecen por toda esta contorna, para llas agasallar a todas as persoas que participaron.

Herbas de San Xoán que entregamos ás participantes da andaina

Nos nosos montes crecen o fento, a xesta, o fiúncho e a malva de xeito natural. O romeu plantouse na contorna do Centro Cívico (lugar de saída e chegada das rutas) como sebe ornamental e agromou alén da zona inicial.

As outras dúas herbas, a herba de San Xoán, rara vez témola por aquí; localizámola o ano pasado no monte da Pena Loureira, o monte ao carón de Vío, maís quedaba moi fora da ruta de hoxe para poder ir buscala. E a herba Luisa aínda nunca a vimos, polo que se a atopas algunha vez, se vas camiñar pola nosa contorna, avísanos para poder incluíla no noso rexistro da flora de Novo Mesoiro.

E lembra, se queres participar nas #RutasSaudábeis (a próxima será o vindeiro mércores 30 de xuño) podes apuntarte en:
Teléfono: 900 100 036. Email: acoruna@aecc.es

#CoñeceNovoMesoiro

#DescobreNovoMesoiro