La AVV nos manda el siguiente comunicado:
Ante as diversas informacións e comunicacións que estes días están aparecendo en medios de comunicación da cidade ao respecto do acontecido na asemblea da Federación de AA.VV. da Coruña e Área Metropolitana celebrada o pasado 11 de abril, a xunta directiva da A.V. de Novo Mesoiro quer manifestar, en particular á veciñanza de Novo Mesoiro, en xeral ás e aos veciños da cidade da Coruña, o seguinte:
- No punto 6 da orde do día da asemblea ordinaria da Federación, punto titulado «Asuntos Varios», a presidencia informa dunha serie de acontecementos relacionados coa solicitude de inclusión dun novo colectivo chamado «Frente Cívico» dentro da Plataforma da Sanidade, plataforma na cal participa a Federación. Esta Plataforma da Sanidade está hoxe en día constituída por diversos colectivos, asociacións, grupos, partidos políticos, sindicatos e entidades da cidade da Coruña.
- Despois da intervención da presidencia da asemblea, aproximadamente de 10 minutos, esta traslada ao conxunto das e dos representantes veciñais presentes a proposta de debate e, se proceder, votación, sobre a posibilidade de que a Federación vete a inclusión dentro desa Plataforma da Sanidade ao colectivo «Frente Cívico». Isto provoca que se abra unha quenda de intervencións, tanto a favor coma en contra da proposta da presidencia.
- Neste debate un conxunto minoritario de asociacións indican á presidencia que é inconcedíbel que a Federación, como tal, queira vetar a entrada doutro colectivo, que nin tan sequera é un colectivo veciñal, nunha Plataforma na que a propia Federación tan so é un membro máis.
- Rematada a quenda, procedese á votación.
- Na quenda de voto correspondente aos representantes da A.V. de Novo Mesoiro a presidenta impide que a nosa asociación vote baixo a escusa de que «as dúas persoas presentes non teñen dereito ningún porque non levamos un documento coa delegación do voto do presidente da nosa asociación».
- Ante esta situación, ambos representantes da A.V. de Novo Mesoiro, ambos membros da Xunta Directiva, elaboran un escrito no que se declara que, reunida a xunta directiva da asociación o luns 7 de abril esta decidiu que ambas persoas foran elixidas diante da asemblea da Federación representantes da A.V. Novo Mesoiro.
- Este escrito é achegado nese momento á presidencia xunto cunha fotocopia da composición da xunta directiva actual da A.V. de Novo Mesoiro, solicitándoselle que se inclúa na acta da reunión.
- Ao mesmo tempo, e ante a situación de indefensión de ambos representantes, estes tentan contactar co Presidente e Vicepresidente da A.V. de Novo Mesoiro co obxecto de trasladarlle a situación que se estaba a producir na asemblea da Federación. Esta comunicación foi imposíbel xa que o Presidente se atopaba de viaxe no estranxeiro e o Vicepresidente estaba traballando nese preciso momento.
- Presentado o escrito, diante da secretaría e presidencia da asemblea, a propia presidencia volve a negar o voto aos representantes da A.V. Novo Mesoiro alegando desta volta que «O noso presidente sabía perfectamente que tiñamos que traer un documento asinado por el conforme delegaba a representación da asociación en nós. Que falara con el e que sabia perfectamente o que tiña que facer. E que o que lle entregabamos nese momento non lle valía».
- Ante esta situación, ambos representantes da A.V. de Novo Mesoiro deciden abandonar a reunión xa que non se lles recoñecían como representantes da A.V. de Novo Mesoiro e non se lles deixaba votar. Entendían que a súa presenza, polo tanto, era inútil.
- Nese preciso momento, as persoas representantes da A.VV. dos Castros vendo o cariz que estaban tomando os acontecementos, e tamén indignados con que a Federación tentase vetar a un colectivo para que se incluíra nunha Plataforma na que a Federación participa, e apoiando que a nosa asociación tivera dereito a voto, abandonan a reunión xunto cos representantes da A.V. Novo Mesoiro.
- Producida a votación, o resultado da mesma foi de 7 votos a favor de que o colectivo «Frente Cívico» puidera integrarse dentro da Plataforma da Sanidade e 16 en contra.
- Nese momento, e toda vez que a presidencia da por zanxado este primeiro debate, traslada a asemblea unha segunda proposta pola cal, se a Plataforma pola Sanidade admite a entrada do colectivo «Frente Cívico» dentro da propia plataforma, a Federación abandonaría esta. Nese momento, a A.VV. de Monte Alto decide tamén abandonar a asemblea da Federación, ao poñerse ao descuberto a verdadeira intención da presidencia, non outra que buscar unha escusa para efectivizar o abandono da Federación da Plataforma da Sanidade.
- Indicar que antes de este punto 6 houbo 5 puntos anteriores:
– Aprobación da acta da asemblea anterior, onde se lles permitiu votar aos representantes da A.V. de Novo Mesoiro, ou, en todo caso, non se lles indicou que precisaban de ningún papel que acreditara a delegación de representación (quizais porque votaron a favor).
– Informe do estado de contas, onde se lles permitiu votar aos representantes da A.V. de Novo Mesoiro, ou, en todo caso, non se lles indicou que precisaban de ningún papel que acreditara a delegación de representación (quizais porque votaron a favor).
– Informe de xestión da presidencia, que non se chegou a votar.
– Altas e baixas, onde se aprobou remitir unha carta certificada con acuse de recibo a 4 asociación para que se poñan ao día das cotas que adebedan nun prazo de 15 días ou se non serían dadas de baixa, e onde novamente se lles permitiu votar aos representantes da A.V. de Novo Mesoiro, ou, en todo caso, non se lles indicou que precisaban de ningún papel que acreditara a delegación de representación (quizais porque votaron a favor).
– Rogos e preguntas, no que non houbo ningunha votación.
Así, e ao considerar moi graves os feitos acontecidos na asemblea da Federación, particularmente o impedir exercer o dereito de representación e voto da A.V. Novo Mesoiro a través de dous membros acreditados da súa Xunta Directiva, esta resolve:
Convocar reunión da Xunta Directiva para a semana que ven co obxecto de debater sobre a procedencia de seguir dentro da Federación. A data e hora fixaranse en función da dispoñibilidade de concorrencia da maior cantidades de persoas membros da Xunta Directiva.
Tomada unha decisión, esta será comunicada, primeiro, oficialmente, á Federación de Asociacións de Veciños da Coruña e Área Metropolitana, e a seguir, á veciñanza de Novo Mesoiro en particular, e ao conxunto da cidadanía da Coruña, en xeral.
En Novo Mesoiro, A Coruña, a 16 de abril de 2014.
Asociación Veciñal de Novo Mesoiro.