O Concello cede á Xunta de Galicia unha parcela de 8.800 metros cadrados que posibilitará a construción do centro de Educación Infantil e Primaria de Novo Mesoiro

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou hoxe o convenio que impulsará a construción, por parte da Xunta, do colexio de Educación Infantil e Primaria de Novo Mesoiro despois de que o Concello puxese a disposición da Administración autonómica os terreos necesarios. O rexedor acudiu esta mañá a Santiago xunto coa concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, para subscribir o documento, que pauta a colaboración do ente municipal coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, rubricado, por parte da Xunta, polo conselleiro da área, Román Rodríguez. O rexedor indicou a necesaria “colaboración entre institucións, sempre tendo como fin último o benestar da cidadanía”. “A Xunta de Galicia poderá levar a cabo este centro educativo, moi demandado nun barrio en constante crecemento, grazas a que o Concello da Coruña se puxo a traballar, ofreceu terreos e os prepara para a súa posta a punto”, comentou. “É unha moi boa nova que, tras meses de negociacións, poidamos asinar este convenio, polo que poñemos a disposición da Xunta máis de 8.000 metros cadrados, aos que posteriormente se sumarán outros 4.000 para una futura ampliación do centro ou para que alí se imparta Educación Secundaria, como pide a veciñanza”, indicou o rexedor. “Traballamos dende o primeiro día para poder cumprir esta demanda histórica da cidadanía da zona. É unha actuación máis deste Goberno municipal que referenda o noso compromiso coa educación pública de calidade”, destacou o primeiro edil coruñés. “Se todo vai ben e se cumpren os prazos dados pola Xunta, que fala de poder licitar antes de final deste exercicio, de aquí a dous anos teremos todo construído”, explicou.

O convenio estipula que o Concello pón a disposición da Xunta o solar para o colexio, un terreo de 8.801 metros cadrados no Novo Mesoiro, e comprométese a trasladar as hortas urbanas que existen na parcela antes da adxudicación das obras de construción. Tamén será de responsabilidade municipal dotar os terreos, con carácter previo á execución do centro, dos usos urbanísticos e as infraestruturas adecuadas para o servizo educativo, como son o abastecemento de auga, a subministración eléctrica, o saneamento e a rede de sumidoiros, así como os permisos e autorizacións precisos para levar a cabo estes traballos. Neste sentido, o convenio establece que “o Concello iniciará de inmediato os trámites necesarios para a aprobación dos instrumentos de ordenación urbanística dirixidos á ampliación da superficie para uso docente da parcela, ata completar unha superficie mínima de 12.150 metros cadrados, co obxecto de garantir a posibilidade de ampliar o futuro centro educativo, das 18 unidades que se contemplan a 27, en función da demanda de matrícula do centro”. De igual xeito, corresponderá á administración local aprobar o proxecto básico de execución para a obra de construción do CEIP e, do mesmo modo, este será responsable do mantemento e conservación das instalacións, dentro do réxime de competencias e obrigas que establece a lei.

Obras de mantemento en centros educativos da cidade

Tal e como se recolle no documento susbscrito esta mañá, “na medida en que se trata dunhas obras de interese público, os importes equivalentes aos aboados ao Concello en concepto de taxa pola licenza urbanística e o imposto municipal sobre construcións serán empregados pola propia administración local en obras de mantemento de edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación infantil e primaria, a través do incremento da partida orzamentaria” correspondente a obras de reposición en centros públicos. “Para nós a educación pública de calidade é unha prioridade, así como dotar aos e ás estudantes da cidade dunhas instalacións en condicións o que, sen ir máis lonxe, levounos este ano a dedicar a histórica cifra de máis dun millón de euros a solventar as necesidades de 12 centros educativos da cidade”, recordou a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán.

Por parte da Xunta, o convenio estipula que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria elaborará, supervisará e aprobará o proxecto básico e de execución da obra do centro educativo. Unha vez formalizada a posta a disposición e supervisado o proxecto básico, iniciará a tramitación da contratación do gasto, con cargo aos seus orzamentos, e a tramitación dos expedientes de licitación, dirección e execución das obras. O inicio das mesmas, indica o documento, quedará supeditada á correspondente licenza de obra.

Las lineas 23 y 23A amplían horario durante la Feria de las Maravillas, la linea 21 conserva su horario habitual

Las lineas 23 y 23A amplían horario durante la Feria de las Maravillas, la linea 21 conserva su horario habitual, os dejamos la nota de prensa publicada por el Ayuntamiento ayer:

A Concellería de Mobilidade Sostible lembra que, co gallo da celebración da Feira das Marabillas, que se celebrará desde mañá día 20 ata o luns 25 de xullo na Cidade Vella, e á fin de dar cobertura á veciñanza dos distintos barrios da Coruña que queiran achegarse á festa, o Goberno local ampliará por vez primeira e ata despois de media noite o servizo de transporte público urbano. Á xa anunciada prolongación do horario de liñas que circulan por Porta Real, súmanse novas con parada na praza de España. Deste xeito, doce liñas de autobús circularán polas rúas da Coruña ata as 00.30 horas conectando o centro co resto do municipio, nunha aposta por unha mobilidade máis sustentable durante as festividades locais.

As liñas que ampliarán o seu servizo serán as máis próximas ao espazo onde se celebrará a 22a edición desta tradicional feira. Así, as liñas 1, 1A, 2, 2A, 3, 3A, 23 e 23A, que circulan por Porta Real, e agora tamén as liñas 6, 6A, 7 e 11, que transitan pola praza de España, estarán dispoñibles para a veciñanza ata as 00.30 horas da noite, ofrecendo así a posibilidade empregar o transporte público para os desprazamentos durante a Feira.

A Concellería lembra tamén que desde hoxe, día 19, e ata as 15.00 horas do día 25, estará prohibido o estacionamento en toda a Cidade Vella. Non obstante, como noutras edicións, habilitaranse unha serie de zonas especialmente reservadas para os e as residentes. Os veciños e veciñas que dispoñan de acreditación de garaxe poderán acceder a eles todos os días a partir do peche do mercado, ás 00.00 e ata as 11.00 horas do día seguinte, e, pola tarde, entre as 14.00 e as 17.00 horas.

A Concellería de Mobilidade Sostible aumentará as frecuencias da liña 21 do autobús urbano este venres e sábado para dar cobertura ao Campionato de España de Boxeo Aficionado

Dentro da súa decidida aposta polo deporte de base e non profesional, o Concello da Coruña colabora co Campionato de España de Boxeo Aficionado que se está a celebrar na cidade, concretamente no polideportivo de Novo Mesoiro. O evento, que reúne a máis de 300 deportistas de todo o Estado, conta coa colaboración de distintos departamentos do Goberno municipal. En concreto, a Concellería de Mobilidade solicitou á Compañía de Tranvías a ampliación das frecuencias da liña 21 do autobús urbano para as xornadas de venres e sábado, á fin de dar unha maior cobertura á cita deportiva. A frecuencia da citada liña, que conecta o centro da cidade co barrio de Novo Mesoiro será reforzada entre as 11.00 e as 14.30 e entre as 16.30 horas e as 21.30.

Ademais, o Concello tamén colabora coa organización do evento con tarefas loxísticas ao ceder o espazo no que se celebra o campionato. A este respecto, o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, quixo destacar que “esta cita deportiva, unha vez máis, sitúa A Coruña, de xeito destacado, no mapa do deporte galego e estatal”. “Esta é unha cidade cunha gran tradición puxilística, con deportistas, mulleres e homes, de primeiro nivel, pero tamén cunha cada vez maior aficción a nivel amateur”. “Este Concello aposta de forma decidida polo deporte de base, tanto polos valores que fomenta como pola súa accesibilidade, e o noso compromiso con este campionato é mostra, unha vez máis, delo”, comentou, á vez que destacou tamén o papel da veciñanza da zona, “que está volcada neste evento, que non só é unha cita deportiva moi reseñable, senón que atrae xente a toda a cidade”.

Orzamentos participativos, votación

VOTA E DEMOSTRA QUE SOMOS O BARRIO MÁIS ACTIVO DA CIDADE

Dende a AVV queremos facer chegar que xa se abriu o prazo para votar o millón de euros que o Concello vai invertir a través deste tipo de orzamento participativo.
Esta inversión por parte do Concello vai ser para a proposta ou propostas máis votadas en toda a cidade (sempre que sexan viables legalmente), indistintamente do obxecto de que se trate a inversión.

Dende a directiva da AVV quermos mostrar a nosa disconformidade neste proceso, xa que en vez de reflectirse unha participación en relación das necesidades da cidade ou dos barrios-distritos,  vai ser un concurso de que movemento, asociación ou persoa física ou xurídica é capar de aglutinar o maior número de votos indistintamente da necesidade real do investimento para un barrio ou para a cidade. Frente  isto, defendemos que os orzamentos participativos deben ser entendidos por barrios-distritos, sendo a veciñanza  destes os que decidiran cales serían os investimentos necesarios.

Como entendemos que isto vai ser unha carreira que busque unha capacidade de conseguir máis votos, nos fixemos varias propostas para o noso barrio que queremosvos adxuntar para que votedes incluindo as que propuxeron algúns dos nos@s veciñ@s. Para votar tedes que ser maiores de 16 anos, rexistrarvos na páxina web https://aportaaberta.coruna.es , hai de prazo ata o 15 xullo e se poden votar tantas como se queran.

https://aportaaberta.coruna.es/participatory_budget/investment_projects/259

https://aportaaberta.coruna.es/participatory_budget/investment_projects/258

https://aportaaberta.coruna.es/participatory_budget/investment_projects/260

https://aportaaberta.coruna.es/participatory_budget/investment_projects/154

https://aportaaberta.coruna.es/participatory_budget/investment_projects/224

https://aportaaberta.coruna.es/participatory_budget/investment_projects/83

https://aportaaberta.coruna.es/participatory_budget/investment_projects/59

 

 

Anulado Concerto de Celtas Cortos

Dende a directiva da AVV querémosvos dar unha mala noticia, o concerto estrela  que tiñamos pensado facer nas Festas de Novo Mesoiro para 2016 de Celtas Cortos, foi cancelado por problemas ca axenda do grupo e os prazos para fechar a súa contratación.

Ao se tratar dun grupo a nivel Estatal de gran repercusión tiñamos que ter fechado xa fai bastantes días a súa contratación,  pero vímonos na obriga de anulalo ao seguir esperando a confirmación por parte do Concello da elaboración das festas do noso barrio.

A principios de Maio deste ano presentamos a Concellería de Cultura un proxecto ambicioso, onde a AVV asumía unha importante partida orzamentaria a cambio de que o Concello nos permitira certo marxe para podernos financiar, pero debido o retraso de todo este proceso, onde a día de hoxe non temos nada concreto ( segundo o Concello o retraso ven dado por terse aprobado tan tarde os orzamentos municipais), fai varias semanas decidimos anular este concerto  e todo o proxecto presentado dado que non tiñamos noticias deles,  e nós, non podíamos asumir o risco que supón o  custe destas contratacións  sen ter o respaldo da Concellería de Cultura  e  sen saber as aportacións  que farían  as festas, asi como  o seu  permiso para buscarnos a financiación necesaria.

Sentimos moito esta noticia sobre todo pola expectativa creada no barrio e intentaremos fechar co Concello unhas festas  para o noso barrio que sexan acorde coa proposta presentada a Concellería de Cultura.

Cando teñamos algo realmente fechado e contratado anunciaremolo.