O Concello abre o prazo de inscrición de Coruña Corre que comeza o 6 de novembro en Novo Mesoiro

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, área que dirixe o edil José Manuel Sande, vén de abrir o prazo de inscrición para participar na V edición do Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre. A serie de sete probas, que comezará o próximo 6 de novembro, percorrerá os barrios de Novo Mesoiro, Os Rosales, Matogrande, San Pedro de Visma, Oza, Ventorrillo e a contorna da Torre de Hércules, e manterá os prezos de inscrición e bonificacións para distintos colectivos do ano pasado. O concelleiro destaca a aposta do Goberno local por unha cita que promove a actividade deportiva “de carácter popular, desde unha perspectiva saudable e adaptada a todos os públicos”. “Este Circuíto promove o divertimento e integración, así como a exploración de diversos espazos e zonas na cidade, a través do deporte”, expón o edil, que salienta a “consolidación” da carreira de Matogrande, a proba posta en marcha polo executivo coruñés en xaneiro de 2016 e que nesta tempada celebrará a súa segunda edición.

3

Así, a primeira carreira terá lugar o próximo 6 de novembro no barrio de Novo Mesoiro, e a serie continuará o 4 de decembro nos Rosales. A primeira proba de 2017 terá lugar o día 15 de xaneiro en Matogrande, e xa en abril, o sábado día 1, terá lugar a nocturna da Torre de Hércules. O circuíto volverá no mes de xuño, coa Cross San Pedro de Visma o día 25 e, tras o parón estival, Coruña Corre pechará a quinta edición coas probas de Oza, o 10 de setembro, e do Ventorillo, que terá lugar o 24 de setembro.

Leer más

A Asemblea Xeral da Asociación Veciñal de Novo Mesoiro elixiu este sábado á súa nova Xunta Directiva

A nova directiva está encabezada por Mónica Calvo como presidenta, Lorena Mallo como Vicepresidenta, Cristina Vila como secretaria e Martina Iglesias como tesoureira, e estará composta por seis mulleres e tres homes

A Asociación Veciñal Novo Mesoiro ven de elixir este sábado á que será a súa nova Xunta Directiva para os vindeiros dous anos.

A reunión, que se desenvolveu no centro cívico municipal de Novo Mesoiro, constou de dúas partes; unha primeira, dedicada a celebrar a asemblea ordinaria, onde foron aprobados os informes de xestión e o de tesourería do último ano, e unha segunda parte, onde en asemblea extraordinaria, se presentou a única candidatura que optaba a ser elixida, e que finalmente levará o traballo da asociación durante o vindeiro período de dous anos recollido nos seus estatutos.

Na presentación da súa candidatura, a que será a nova presidenta, Mónica Calvo, destacou que a principal misión da súa Xunta será a de continuar co traballo desenvolvido polos anteriores equipos directivos, facendo lembranza de Nilo Moreno, Manel Méndez e Xosé Aller, por esta orde, os anteriores presidentes desde 2012.

Neste sentido a nova presidenta sinalou que o desenvolvemento das actividades consolidadas, a festa do Samaín, a festa dos Lúdicos, a festa de Entroido e as festas de verán serán o eixo do traballo da nova directiva, sen renunciar ao labor reivindicativo e de defensa dos interese do barrio.

Así, Mónica Calvo tamén lembrou que o traballo reivindicativo deberá ser outra das características que definan ao seu equipo. “No barrio seguimos sen o Colexio prometido. Aínda non foi executada a segunda fase do corredor entre Ribeira Sacra e Fragas do Eume. O centro de saúde segue sen un servizo acorde coas necesidades do barrio. As zonas infantís seguen sen estar dotadas de medidas mínimas de seguridade. Ou o parque sigue sen unha correcta iluminación e un mantemento adecuado. Estas, entre outras 28 demandas, queremos que sexan resoltas. E a nova xunta que encabezo xa está traballando para que así sexa”, indicaba Mónica Calvo na súa intervención.

Por último, a nova presidenta, cun agradecemento previo ao traballo desenvolto por aqueles membros da xunta directiva que non poden seguir pertencendo á mesma, deu paso á presentación das e dos demais compoñentes da súa lista, onde agás a incorporación de Cristina Vila, na secretaría, até 8 persoas repiten participación desde o equipo anterior.

Así, Lorena Mallo, como vicepresidenta e Martina Iglesias como tesoureira seguirán ostentando estas responsabilidades, sendo 5 as vogalías as que se manteñen, ficando a composición da nova Xunta en seis mulleres e tres homes.

O Concello acordará coa veciñanza o proxecto para completar o corredor verde de Novo Mesoiro e acometerá a reurbanización do Camiño do Correlo para mellorar a accesibilidade en Feáns

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, xunto con boa parte das concelleiras e concelleiros do equipo de Goberno local acudiron este sábado ao centro cívico municipal de Novo Mesoiro nun novo encontro ‘Dillo Ti’ coa cidadanía, o espazo no que os membros do Goberno local póñense a disposición das e dos veciños para responder as súas preguntas e ter “un contacto directo”, tal e como salientou o rexedor. No curso do mesmo saíron algunhas das actuacións que o Concello proxecta na zona de Novo Mesoiro e Feáns, como é completar o corredor verde situado entre as rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume. “Temos unha proposta para comezar xa mesmo, pero queremos acordala coa veciñanza, e coa asociación veciñal, para que todos e todas concordemos con este proxecto, que permita disfrutar da zona”, adiantou Ferreiro, quen tamén aludiu a outras intervencións previstas para o barrio, algunhas no ámbito da accesibilidade, como pasos de peóns ou a reurbanización do Camiño do Correlo, en Feáns, que permitirá mellorar a conexión deste núcleo co de Mesoiro, así como a creación dunha senda peonil que equilibre o tránsito a pé cos vehículos.

unnamed

De igual xeito, Ferreiro referiuse á construción do futuro colexio do barrio, “unha necesidade demandada durante moito tempo pola veciñanza”, e para cuxa consecución este Goberno local puxo a disposición da Xunta os terreos; a este respecto, indicou que dado que a parcela que ocupará o centro ensino é a que agora se usa para as hortas urbanas, por ser a máis axeitadas para o equipamento educativo, estas “serán trasladadas a unha ubicación que xa se está buscando para que poidan existir as dúas cousas”. Nesta liña, o alcalde recordou tamén o millón de euros que inviste este ano o Goberno municipal para a reparación de colexios na cidade pese a non ser estas obras de competencia municipal, dadas “as grandes necesidades que sofren”. Cuestionado por un veciño, avanzou igualmente o proxecto, previsto para o 2017 a través dun investimento de 245.000 euros, para executar unhas pistas polideportivas no solar que conecta o campo de fútbol Johan Cruyff e a zona de xogos existente na zona. Leer más