A Xunta de goberno local dá o visto bo á licenza para a construción do CEIP de Novo Mesoiro

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, deu conta dos asuntos máis relevantes aprobados pola Xunta de Goberno Local, dos que salientou a licenza urbanística concedida para a construción dun centro escolar no barrio de Novo Mesoiro e a reforma dun hotel en Zalaeta, solicitudes que teñen un valor de máis de 4,6 millóns de euros de orzamento de execución material. Ferreiro indicou que se trata de “dúas licenzas relevantes para a cidade” tanto no eido dos servizos públicos para un barrio con moita poboación nova como é Novo Mesoiro, como para o impulso ao sector hoteleiro da cidade. A Xunta de Goberno Local concedeu a licenza solicitada pola Consellería de Educación do goberno galego para a construción do demandado CEIP de Novo Mesoiro, do que Ferreiro resaltou que é tamén posible grazas á cesión que o Concello fixo dun terreo municipal sito na rúa Fragas do Eume. O orzamento autorizado é de 3,1 millóns de euros, tendo que iniciarse as obras antes de 6 meses e tendo de prazo outros 18 meses para a súa execución. No caso da licenza de reforma do edificio da antiga sede de Red Eléctrica situado en Zalaeta, o alcalde apuntou que acollerá un hotel de 4 estrelas para o que a empresa promotora contempla un orzamento de 1,4 millóns de euros. O prazo para iniciar as obras é de 6 meses, mentres que o período de execución é dun ano.

Ferreiro enmarcou a tramitación destas dúas licenzas na actividade dilixente da Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda que leva tramitado máis de 900 licenzas urbanísticas no que vai de ano. O edil responsable do departamento, Xiao Varela, informou hoxe á Xunta do Goberno Local da tramitación de 190 expedientes na última quincena. Así, entre o 14 e o 26 de novembro resolvéronse 40 licenzas urbanísticas, 83 comunicacións previas ao inicio de obras, 35 comunicacións previas ao inicio de actividade e 14 declaracións responsables.

Leer más

CORTES DE TRAFICO ESTE DOMINGO EN El Barrio

O domingo 25 produciranse cortes de tráfico en Novo Mesoiro con motivo das carreiras populares. A rúa Ancares estará pechada de 07.30 a 14.00 horas, a rúa Laxe de 10.15 a 14.00 horas e a avenida de Novo Mesoiro, na calzada de subida, de 10.15 a 12.20 horas. O peche do circuíto da carreira absoluta será de 10.15 a 11.20 horas, mentres que o da xuvenil é de 11.35 a 11.50 horas. O itinerario recomendado para saír do barrio é polas rúas Convento e Correlo.

O Concello pon á disposición da cidadanía dous novos espazos TEUs en Novo Mesoiro, “que estarán abertos para o uso común do barrio, pero que tamén poderán ser solicitados pola veciñanza para eventos particulares”

??A veciñanza da Coruña disporá de dous novos locais TEU, (Espazo Aberto de Uso Cidadán da Coruña), localizados en Novo Mesoiro dende o vindeiro 3 de decembro. A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, deu a coñecer esta mañá a ampliación desta rede de espazos despois de que a mesma se estrease o pasado mes de outubro coa posta en funcionamento do Faro de Oza como primeiro TEU. De cara a dotar de máis información sobre o seu uso á veciñanza, o Concello dará a coñecer estes dous locais, localizados nos números 15 e 17 da rúa Ribeira Sacra, cunha xornada de portas abertas con actividades gratuítas o vindeiro domingo 2 de decembro.

O funcionamento destes dous novos espazos ten unha serie de características propias e é que combinan varias posibilidades de uso restrinxidas en franxas temporais delimitadas.“Estes locais en Novo Mesoiro deben dar resposta tamén a unha das necesidades do barrio e da área, que foi detectada en xuntanzas con entidades e nun proceso participativo que se levou a cabo o pasado ano, que é a escaseza de espazos públicos para a veciñanza e para a mocidade que vive na zona”, apuntou Delso en rolda de prensa. Por iso, os dous espazos municipais incorporan dous sistemas para o seu emprego diferenciado “xa que estarán abertos para o uso común do barrio, pero tamén poderán ser solicitados por calquera veciño ou veciña para eventos particulares, como acontece co faro de Oza, que está a ter moi boa acollida”. Deste xeito, calquera persoa ou entidade pode reservar de maneira gratuíta e previa reserva o espazo durante as fins de semana e as mañás, así como as tardes dos venres (entre as 20.30 e as 22.00 horas) ademais de durante todas as tardes do mes de xullo e todo agosto (durante toda a xornada) seguindo a mesma modalidade que se aplica en Oza. Ademais disto, os dous locais de Ribeira Sacra estarán abertos, de forma xeral durante as tardes da semana, para calquera persoa que queira achegarse e facer uso do espazo, que ten postos de lectura e conexión a Internet por wifi, en horario de 17.00 a 20.30 horas. “Detrás desta rede de espazos TEUs está a idea de que máis persoas se vexan beneficiadas dos recursos públicos e que poidan acceder a eles a través dun modelo de xestión diferencial, facilitador, accesible e simple”, manifestou a responsable municipal. “Todo o mundo poder facer uso destes espazos, en calquera das súas dúas modalidades. En xeral, están abertos de forma xeral a toda a cidadanía que precisa dun lugar para estar, traballar, conectarse á rede ou desenvolver actividades colectivas, ademais de a asociacións, entidades sen ánimo de lucro ou colectivos informais que, ben por non ter local ou por non ter os recursos necesarios, desexen desenvolver unha actividade nestes espazos de carácter social ou cultural e que sexa gratuíta para as persoas asistentes”.

Leer más

A Concellería de Medio Ambiente completa a reurbanización do Camiño do Casal, uns traballos que serviron para recuperar unha senda tradicional e mellorar a conectividade peonil entre Feáns e Novo Mesoiro

A ??Concellería de Medio Ambiente vén de completar os traballos de reurbanización do Camiño do Casal –tamén coñecido como o Camiño do Convento–, unha senda tradicional de preto dun quilómetro que une o centro cívico de Mesoiro co cemiterio de Feáns. Deste xeito, e como destaca a concelleira desta área, María García, recupérase un itinerario tradicional que antigamente conectaba Feáns coa parroquia de Santa Icía, en Morás (Arteixo) e que discorre, ao completo, por solo rústico de especial protección. “Trátase dun camiño público con algunhas singularidades, que está arrodeado por terreos forestais, e no que existen carballos, en concreto cerquiños, ademais de formacións rochosas graníticas nalgunhas das beiras”, salienta a edil, que sinala que nos puntos máis elevados, o camiño permite avistar as agras de Feáns.

Os traballos, cun investimento de 37.444 euros, inclúense dentro das actuacións que o Concello desenvolve co obxectivo de crear unha rede de mobilidade, tanto peonil como de vehículos, que facilite a conexión dos núcleos tradicionais e a súa contorna. No caso de Feáns, a intervención neste camiño únese aos traballos desenvolvidos para a da rúa do Correlo, actuación que respondeu a demandas da veciñanza da zona, e onde tamén se mellorou a conexión entre Feáns e Mesoiro a través da reurbanización e posta en valor desta vía rural, na que as actuacións serviron ademais para transformala en plataforma única con zonas diferenciadas polo uso de diferentes materiais, de cara a unha mellor convivencia entre o tráfico de automóbiles e o de peóns. Na mesma zona, o Concello rehabilitou tamén o Camiño de Campos, que conecta a zona de Feáns co Castro de Elviña e dá solución tamén ás necesidades de conexión das leiras da zona.

Leer más

O Concello abre o prazo de inscrición para participar no VII Coruña Corre así como na Carreira Popular de Novo Mesoiro, que se celebrará o 25 de novembro

??A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento abrirá mañá o prazo de inscrición para participar na sétima edición do Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre, o programa municipal que propón a celebración probas deportivas de entre 5 e 7 quilómetros de percorrido que se desenvolven, ao longo do ano, en distintos barrios da cidade. A principal novidade nesta edición, que seguirá a incidir na vertente saudable da práctica deportiva así como na descentralización da súa programación, será a ampliación da tempada, que se estenderá até final de 2019 para adaptarse ao ano natural, seguindo as indicacións da Real Federación Española de Atletismo. Como consecuencia desta medida, o Concello aumentará tamén o número de probas, pechando así a VII edición coa gala final no mes de decembro.

A partires de mañá, mércores 7, e a través do web ?www.coruna.gal/carreiraspopulares?, ábrese o período para formalizar a participación no circuíto, ao que poden asistir atletas populares así como federadas e federados. A inscrición permitirá formar parte das clasificacións da serie de carreiras, así como poder optar aos seus premios. Nesta edición estableceranse as categorías definidas polos regulamentos da IAAF, RFEA e FGA e, de cara a promocionar a práctica deportiva entre as máis novas e novos, manterase a categoría pre-benxamín, da que poderán formar parte as nenas e nenos que conten con 4 anos de idade no momento da celebración da primeira carreira do circuíto, o 25 de novembro en Novo Mesoiro. Así, haberá sete modalidades para maiores de 18 anos (sub 20, sub 23, sénior e catro de veteranos) e seis de menores de idade (sub 18, sub 18, sub 14, sub 12, sub 10 e pre-benxamín). Para as e os menores de idade a participación será gratuíta, mentres que para as e os maiores de idade a cota de inscrición para o circuíto será de 10 euros. As persoas maiores de 65 anos, desempregadas ou posuidoras do Carné Xove gozarán de bonificación e aboarán 7 euros. No caso daquelas persoas que prefiran inscribirse individualmente ás carreiras, a cota en cada unha delas será de 2 euros (ou de 1€ no caso do colectivo con bonificación).

O período de inscrición no Circuíto manterase aberto, como novidade, até o peche do prazo de inscrición na cuarta das probas, a IX Carreira Popular Torre de Hércules, que nesta ocasión terá lugar o 23 de marzo. Como é habitual, será necesario confirmar a participación en cada carreira realizando a inscrición de cara a figurar na lista de participantes da mesma, así como contribuír á seguridade organización da cita. Para máis detalles sobre o proceso de cronometraxe, uso de chips e dorsais, así como as distintas clasificacións –individual, equipo mixto, familiar ou diversidade–, pódese consultar, a partires de mañá, o regulamento do circuíto tamén no espazo web de Carreiras Populares en ?www.coruna.gal?.

VIII Carreira Popular de Novo Mesoiro

A primeira das carreiras terá lugar o vindeiro domingo 25 de novembro, en Novo Mesoiro. O prazo de inscrición para participar na oitava edición desta proba permanecerá aberto tamén desde mañá, mércores 7, até as 23.30 horas do día 21, a través da páxina web municipalwww.coruna.gal/carreiraspopulares?. A proba absoluta, cun percorrido duns 5.353 metros aproximadamente, dará comezo ás 10.30 horas na rúa Ancares, á altura do polideportivo municipal e, a continuación, a partires das 11.35 horas –despois do peche de control–, terán lugar as carreiras de menores de 18 anos. Como é habitual haberá servizo de duchas e de gardarroupa no polideportivo. Neste mesmo recinto poderanse retirar os dorsais durante a fin de semana do 24 –entre as 11.00 e as 20.30 horas– e 25 de novembro –desde as 9.00 e até media hora antes da saída de cada carreira–. A entrega de premios producirase o propio domingo ás 13.00 horas, unha vez finalicen as probas de menores.

Coruña Corre continuará o domingo 16 de decembro nos Rosales. Xa no 2019, a primeira cita será o 13 de xaneiro coa IV Carreira Popular Matogrande; no mes de marzo, o sábado 23 a IX Carreira Popular nocturna Torre de Hércules; e o 2 de xuño a XII Baixada Popular de Cross San Pedro de Visma. Á volta do verán, o 9 de setembro, o circuíto municipal retomará a actividade coa VIII Volta a Oza, á que seguirá o 20 de outubro a VII Ventorrillo. Coa adaptación do calendario, a serie continuará o 3 e o 24 de novembro en Novo Mesoiro e Os Rosales, respectivamente, e a gala final da tempada celebrarase o 12 de decembro, como é habitual, no Centro Ágora

Gala Coruña Corre

Precisamente o 21 de novembro, coincidindo co fin de prazo de inscrición da VIII Carreira Popular de Novo Mesoiro, celebrarase no centro Ágora a gala de peche do circuíto Coruña Corre da pasada tempada. Durante o evento, que comezará ás 20.00 horas, daranse conta, de xeito pormenorizado, das novidades desta edición e outorgaranse os premios ás primeiras persoas clasificadas en cada categoría, así como aos grupos mixtos e de familiares gañadores do circuíto.

A sesión tamén servirá para dar a coñecer as datas de apertura das inscricións do Medio Maratón Coruña21, Coruña42 e Coruña10 entre as e os asistentes –que se celebrarán os días 17 de febreiro, 14 de abril e 6 de outubro, respectivamente–, e outras novidades vinculadas ás mesmas.