O mércores 30 nova andaina das #RutasSaudábeis

Este vindeiro mércores 30 realizaremos a terceira andaina que vimos desenvolvendo en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro da Coruña.

Despois das dúas primeiras experiencias estanse a consolidar os grupos que desenvolven esta actividade e que agardamos se vaian ampliando toda vez que avanza a vacinación contra a Covid-19 e imos superando a pademia.

Neste sentido lembramos que para participar nestas rutas aínda temos que nos seguir apuntando previamente chamando ao teléfono gratuíto 900 100 036 ou ben enviando un correo electrónico ao enderezo acoruna@aecc.es.

Vista do noso barrio desde a parte sur do monte do Castro de Elviña

Para este mércores escollerase un trazado «máis urbano» que percorrera os camiños tradicionais na contorna do Castro de Elviña aproveitando a súa cercanía ao noso barrio. Coma todas estas rutas partiremos do Centro Civico de Novo Mesoiro, ás 19.00 h, para baixar pola rúa do Convento e a rúa do Correlo até Feáns. Desde aí colleremos o camiño de Campos que vai paralelo ao rego de Campos (que se canaliza por baixo da estada da Deputación DP0512, á altura da Sampaio) para logo coller a desviación cara o camiño do Castro de Elviña que pasa por baixo da Terceira Rolda. E xa no monte do Castro de Elviña colleremos polo camiño das Penas da Agra para voltar polo vieiro para peóns e bicicletas que percorre paralelo ao pobo de Mesoiro.

Aínda estas a tempo de te anotar se queres participar deste percorrico que ofrece vistas moi chulas do noso barrio, da Coruña e do propio Castro de Elviña, ademais de percorres camiños que teñen séculos de historia.

Vémonos o mércores.

#CoñeceNovoMesoiro #DescobreNovoMesoiro

Nova andaina das #RutasSaudábeis que facemos coa Asociación Contra o Cancro

Onte pola tarde fixemos a segunda andaina das #RutasSaudábeis que estamos a realizar en colaboración coa AECC A Coruña.

Comezo da andaina no monte da Pena da Ragacha

Fixemos un camiñar que transcorreu polo monte da Pena da Regacha, o camiño dos romeiros a Pastoriza e o seu amilladoiro, pola contorna de Conxes e pasamos polos nacementos do rego de Moitos e o rego de Carneiros.

E aproveitamos, a unha semana, xa, da «noite máis curta do ano», para recoller 5 das 7 herbas de San Xoán, que crecen por toda esta contorna, para llas agasallar a todas as persoas que participaron.

Herbas de San Xoán que entregamos ás participantes da andaina

Nos nosos montes crecen o fento, a xesta, o fiúncho e a malva de xeito natural. O romeu plantouse na contorna do Centro Cívico (lugar de saída e chegada das rutas) como sebe ornamental e agromou alén da zona inicial.

As outras dúas herbas, a herba de San Xoán, rara vez témola por aquí; localizámola o ano pasado no monte da Pena Loureira, o monte ao carón de Vío, maís quedaba moi fora da ruta de hoxe para poder ir buscala. E a herba Luisa aínda nunca a vimos, polo que se a atopas algunha vez, se vas camiñar pola nosa contorna, avísanos para poder incluíla no noso rexistro da flora de Novo Mesoiro.

E lembra, se queres participar nas #RutasSaudábeis (a próxima será o vindeiro mércores 30 de xuño) podes apuntarte en:
Teléfono: 900 100 036. Email: acoruna@aecc.es

#CoñeceNovoMesoiro

#DescobreNovoMesoiro

Presentamos no Concello un informe a respecto das demandas sobre o Pavillón Deportivo do barrio

Este luns pasado, a través da sede electrónica do Concello da Coruña, presentamos un informe a respecto da situación do Pavillón Deportivo e que incluía demandas de mellora das propias instalacións, sobre os seus usos, mellora na xestión e facilidade para o emprego da veciñanza do barrio, ademais de solicitar, tamén, melloras na súa contorna, dirixíndoo á Concellaría de Cultura e á Concellaría de Barrios para que ambas tiveran coñecemento de primeira man.

A elaboración dese documento realizouse despois de recoller varias demandas da propia veciñanza durante os últimos anos e que foron trasladadas á concelleira de Comercio, Mercados e Barrios, Diana Sobral, nunha reunión que mantivemos con ela a finais do ano pasado. Tal e como explicamos no limiar do propio informe, logo daquela reunión, e como continuación da mesma, recibimos un correo electrónico da Concellaría na que se nos instaba a pasar por escrito as propostas que a Asociación entendía como necesarias para o Pavillón polo que procedemos a elaborar e enviar, ao coidado da Área de Deportes do Concello da Coruña ese escrito.

Posteriormente a aquel envío, seguimos recibindo suxestións a respecto destas instalacións do barrio. E chegamos a nos reunir coa actual directiva do Club de Balonmano Linea 21, o clube de balonmán do noso barrio, que nos achegou toda unha serie de cuestións a maiores das que xa tiñamos coñecemento, ampliando e completando as propostas e que conformaron o documento final a modo de informe.

Como con todos os documentos que elaboramos e presentamos, xa o colgamos na nosa nube para que poda ser descargado; premendo neste enlace podes miralo.

Nova ruta saudábel este vindeiro mércores 16

Despois da primeira ruta realizada en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro da Coruña o pasado 2 de xuño, este vindeiro mércores 16 realizaremos unha nova na que che convidamos participar. O punto de partida tomarémolo desde o aparcamento do Centro Cívico a partir das 19.00 h, e durante a hora e media seguinte iremos descubrindo espazos e sendeiros próximos ao noso barrio.

Esta rutas, a parte de ser unha actividade para adquirir hábitos saudábeis de vida, tamén queren servir para o coñecemento da preciosa contorna que temos en Novo Mesoiro, na se agochan catro regatos, un amilladoro, unha mámoa, o Castro de Elviña e flora e fauna singular, sobre todo nesta época do ano no que a primavera permite agromar a moitas especies.

Para poder participar da mesma simplemente tes chamar ao teléfono gratuíto 900 100 036 ou escribir un correo electrónico a acoruna@aecc.es.

Esta actividade é de balde e será realizada mantendo todas as medidas preventivas derivadas da situacion de pandemia da Covid-19, polo que as prazas son limitadas co obxecto de respectar as normas vixentes para actividades con persoas non convivintes.

Vémonos o mércores.