Reunión entre a nova concelleira de participación e a A.VV.

Este pasado venres varios membros da Xunta Directiva da A.VV. mantiveron un primeiro contacto co novo goberno municipal. Neste caso coa nova concelleira de Participación e Innovación Democrática Claudia Delso.

Nesta reunión foron trasladados todos os puntos reivindicativos que neste momento forman parte das demandas da asociación (podes velos pinchando neste enlace) e que xa no seu día foron trasladados a todas as candidaturas que se presentaron ás pasadas eleccións municipais. Con especial atención foron tratadas as reivindicacións da construción do Colexio Integrado, as necesidades de recursos humanos no Centro de Saúde, carente de servizo de matrona e cun so pediatra, ademais da falta de atención polas tardes e de servizo de urxencia, e, tamén, a mobilidade e transporte público e a falla de infraestruturas acaídas que nos conecten co Campus de Elviña e a propia cidade polo Birloque ou a avenida das Lamelas. Tamén foille remitido un pequeno informe urbanístico con anotacións de distintas e actuacións das cales a propia asocación está elaborando un estudo detallado para tratar de xeito diferenciado e integral.

O CPI, o Centro de Saúde ou a mobilidade foron algúns dos principais temas tratados.

Por último o tema que máis debate xerou na reunión foron as festas deste ano no barrio, que como todos os anos pretendemos que sexan no último fin de semana de agosto. Este asunto, que xa debería ter pechado o anterior goberno municipal, e que non chegou nunca a tratar coa asociación, estaba xa recollido na axenda da nova concelleira e do propio da área Cultura. Deste xeito a asociación comprometeuse a trasladar o proxecto que temos aprobado desde decembro do ano pasado (xa se remitu) co obxecto de darlle encaixe dentro do proxecto gobal de festas para a Coruña que está elaborando o actual goberno municipal. En todo caso, Claudia Delso indcounos que están procurando pechar en primeiro lugar o «Noroeste» para logo concretar barrio a barrio as festas e comprometeuse a poñernos directamente en contacto co concelleiro de Cultura (cousa que xa se fixo).

Lembra que para calquera aportación podes pinchar na pestana «AVISOS» desta mesma páxina.

20150710_164726 20150710_164707

Campus Deportivo organizado polo Judo UDC

Colgamos aquí información sobre o Campus Deportivo Municipal para nenos e nenas de entre 4 e 12 anos organizado polo club Judo UDC (club co que a A.VV. ten un acordo de colaboración mutuo) e que se realizará o vindeiro mes de xullo. Para anotarse a el podes chamar ao número de teléfono 637 235 257 ou ben mandar un correo electrónico ao enderezo campusdeportivomunicipal@gmail.com.

No prezo do campus, para quen quixer, inclúese o desprazamento desde Novo Mesoiro por un total de 150,00€

Póster Campus Deportivo

Convocatoria da Asemblea Xeral Anual da A.VV.

Deixámosvos aquí a convocatoria para as persoas socias da A.VV. da asemblea anual ordinaria que se vai celebrar este vindeiro sábado día 20. A convocatoria formal xa foi enviada por correo postal aos socios e socias da asociación.

CONVOCATORIA DE ASEMBLEA ANUAL ORDINARIA DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE NOVO MESOIRO.

Pola presente é convocada a Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación de Veciños de Novo Mesoiro para o vindeiro sábado, 20 de xuño, ás 12.00 h, en primeira convocatoria, 12.30 h en segunda, no salón de actos do Centro Cívico de Novo Mesoiro (rúa Os Ancares 15), coa seguinte orde do día.

  1.  Lectura e aprobación, se proceder, da acta da asemblea anual ordinaria anterior de data 13 de setembro de 2014.
  2. Lectura e aprobación, se proceder, do Informe de Finanzas.
  3. Lectura e aprobación, se proceder, do Informe de Xestión.
  4. Varios

Enlace coa carta da convocatoria.