Convocatoria da Asemblea Xeral da Asociación
Hoxe mesmo, a Xunta Directiva vén de convocar a Asemblea Xeral Ordinaria e a Asemblea Xeral Extraordinaria da Asociación.
Deste xeito, todas as persoas socias fundadoras e titulares recibirán, a partir de mañá, por correo postal ordinario, a convocatoria para ambas. Porén, e para ir xa facilitando coñecer os contidos e os asuntos a tratar nas reunións, xa colgamos aquí ambas convocatorias, ás que están chamadas a participar todas as persoas socias da Asociación, independentemente da súa condición (persoa socia fundadora, persoa socia titular, persoa socia familiar ou persoa socia infantil), ao corrente de pago da cota a 31 de decembro de 2020:
A Coruña, 14 de setembro de 2021.
Prezada socia, prezado socio:
A través desta carta son convocadas Asemblea Xeral Ordinaria e Asemblea Xeral Extraordinaria da Asociación Veciñal de Novo Mesoiro, para o xoves 14 de outubro, nos espazos TEUS (rúa Ribeira Sacra, 17), a razón do seguinte desenvolvemento e das seguintes ordes do día:
Asemblea Xeral Ordinaria:
Día: xoves, 14 de outubro; Hora: 19.30 h, en primeira convocatoria; 20.00 h, en segunda convocatoria.
- Orde do día:
- Aprobación da/s acta/s da/s asemblea/s anterior/es pendentes.
- Informe de Xestión.
- Informe de Tesouraría.
- Varios.
Asemblea Xeral Extraordinaria:
Día: xoves, 14 de outubro; Hora: seguidamente do remate da Asemblea Xeral Ordinaria.
- Orde do día:
- Punto único, elección de nova Xunta Directiva.
A respecto da Asemblea Xeral Ordinaria, o Informe de Xestión e o Informe de Tesouraría serán colgados nesta páxina web (puidéndose acceder aos mesmos premendo enriba de cada un) e nas nosas redes sociais (twitter e facebook) en tempo e forma para poder ser lidos previamente ao desenvolvemento da Asemblea.
A respecto da Asemblea Xeral Extraordinaria, a elección de nova Xunta Directiva rexerase polo establecido no CAPITULO IV (artigos do 38 ao 44 incluídos), dos Estatutos da Asociación (que se poden consultar premendo aquí). Neste sentido, todas as candidaturas que se presenten teñen de prazo para facelo até as 23.59 h do venres 24 de setembro, enviando un correo electrónico ao enderezo «presidencia[arroba]novomesoiro.gal» ou enviando por correo postal certificado ao enderezo “Despacho núm. 6, Centro Cívico Municipal de Novo Mesoiro, rúa Ancares, 15, C.P. 15190, A Coruña”, ao coidado da Asociación Veciñal Novo Mesoiro, a candidatura completa, con nomes e apelidos das persoas, e ordenada cos respectivos cargos asignados. As candidaturas deberán estar conformadas por, canto menos, sete (7) persoas (art. 20 dos estatutos) e poderán formar parte delas todas aquelas persoas socias fundadoras ou persoas socias titulares dadas de alta, ao corrente do pago das súas cotas a 31 de decembro de 2020 e/ou con máis de seis meses de antigüidade, segundo o recollido no CAPÍTULO II (artigos do 8 ao 17 incluídos), dos estatutos da Asociación.
A respecto do pago da cota do ano 2021, esta será domiciliada previa a celebración das asembleas sen que se produza suba algunha a respecto do último ano cobrado (2019), a razón das seguintes cantidades: persoa socia fundadora ou titular: 10,00 euros; persoa socia familiar: 3,00 euros; persoas socia infantil (menor de 18 anos): gratuíta. Esta domiciliación non condiciona a participación nas asembleas nas que poderán asistir, participar e votar (en función do disposto no artigo 11 e no artigo 17 dos Estatutos) todas as persoas socias ao corrente de pago a data de 31 de decembro de 2020.
Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Novo Mesoiro.