Fartos do servizo do bus no noso barrio
Doutra volta, e co comezo das aulas, os servizos de transporte público colectivo para Novo Mesoiro vense colapsados provocado pola insuficiencia que actualmente nos presta a Compañía de Tranvías.
A oferta que hoxe en día existe é «pírrica» malia o reforzo concreto en horas punta que non chega para trasladar ao conxunto de persoas usuarias que empregan o bus para se desprazar desde, e ao barrio, principalmente, aos centros de ensino secundario de Elviña ou aos centros de traballo do polígono de Agrela.
Neste sentido, a Xunta Directiva da Asociación mantivo un encontro, esta semana, co presidente do Comité de Empresa e varios traballadores da propia Compañía de Tranvías para analizar a situación actual e falar sobre as distintas propostas de mellora que ambos colectivos temos trasladado, nos últimos anos, tanto á empresa como á Área de Mobilidade do Concello da Coruña.
Así, a Presidencia do Comité informounos que existe sobre a mesa unha proposta de mellora de percorrido que os traballadores presentaron á Compañía e ao Concello. Esta proposta de mellora pasa por recuperar o traxecto pola rúa Fernández Latorre cara a praza de Catro Camiños, empregado durante as obras da rotonda da avenida de Salgado Torres coa rúa Pérez Ardá, para posteriormente incorporarse a través da rúa Enrique Hervada e a rúa Castiñeiras á rúa Federico Tapia, precisamente polo percorrido que a liña empregaba cando por esta rúa transcorría o carril-bus até a praza Pontevedra. Segundo a representación dos traballadores este novo percorrido desde Novo Mesoiro acortaría a frecuencia en beneficio das persoas usuarias e dos propios traballadores da Compañía.
E efectivamente, esta proposta redundaría nun mellor servizo e, como non podería ser doutro xeito con iniciativas deste tipo, trasladámoslles o noso apoio ao novo percorrido, mais tamén advertimos que sen unha reforma máis profunda e estrutural a situación actual da liña 21 se fai insostíbel, insistíndolles durante a reunión en sinalar a necesidade de incorporar un novo bus á actual liña para paliar de xeito inmediato a demanda de servizo existente que non é cuberta.
Asemade, dímoslles traslado da nosa proposta da implantación dunha nova liña, a 21A que presentamos xa en 2017, e que pretende conectar ao barrio co campus de Elviña e co barrio de Matogrande, co obxecto de garantir a mobilidade coa zona universitaria e cos centros educativos e cos centros sanitarios deste outro barrio coruñés e onde unha parte importante da veciñanza do noso barrio ten as crianzas estudando ou ten derivados os servizos do persoal médico de atención primaria.
Tamén consideramos “dramático” que as persoas responsábeis da Área municipal de Mobilidade teñan anunciado, a semana pasada, a súa renuncia á reformulación integral das liñas (incluídas a actual, a 21, e a posíbel implantación da liña 21A) dada, segundo aquelas propias persoas responsábeis do Goberno Municipal, a inseguridade xurídica emanada da sentencia xudicial anulatoria da baixada das tarifas do bus acometida no mandato municipal anterior.
A situación sobre o servizo do transporte público colectivo en Novo Mesoiro é hoxe en día insostíbel. Máis ante a próxima evolución demográfica do barrio na que a mobilidade de miles de persoas non está garantida e colapsará a estrada de Feáns cara Elviña e Agrela. A xerencia da Compañía de Tranvías non está polo labor de prestar un servizo público; só está interesada no seu lucro e nos pingües beneficios xerados do secuestro derivado do actual contrato sen lle importar o que lle acontece á veciñanza do barrio de Novo Mesoiro. Cremos que a mobilidade debe ser un dereito ao que pode acceder toda a veciñanza. Se as persoas que deben garantir ese dereito, o Goberno Municipal, renuncian a lle exixir á Compañía de Tranvías as melloras necesarias para facer cumprir ese dereito entendemos que é toda unha declaración de intencións a respecto do proxecto da nova licitación do servizo que está prevista para 2024.
E en relación a esta vindeira licitación incluiremos entre as nosas demandas que tanto o Goberno Municipal actual como o que saia elixido para o vindeiro mandato entre 2023 e 2027 analicen, como primeiro criterio a seguir, tras remate da actual concesión do transporte urbano colectivo o estudo de detalle para municipalizar o servicio co obxecto de garantir o seu control efectivo, nomeadamente todo o referido á configuración das liñas e aos percorridos a trazar, aos prezos, ás frecuencias e aos horarios, e co obxecto de acabar con calquera outro monopolio abusivo como o que hoxe, e despois de máis de 30 anos, exerce a Compañía de Tranvías.