Agradecementos da X.D. da A.VV. Novo Mesoiro

A Xunta Directiva da A.VV. quere trasladar ao conxunto da veciñanza do barrio o seu agradecemento pola masiva participación nas festas organizadas este ano, agarda que estas foran do seu agrado e comprométese a tentar melloralas o ano que vén.

Tamén quere agradecer á produtora do evento, as empresas e entidades colaboradoras, aos club deportivos e ás persoas voluntarias que participaron e axudaron á realización das festas de Novo Mesoiro 2015.

Desde a Xunta Directiva da Asociación de Veciños de Novo Mesoiro queremos trasladar o noso agradecemento ao conxunto da veciñanza do barrio pola masiva participación nas festas deste ano. Do mesmo xeito tamén queremos trasladar as nosas desculpas polos ruídos e molestias que se puideran ter causado durante estes días de celebración, mais tamén na medida das nosas posibilidades tentamos que estas distorsións foran as mínimas posíbeis.

Asemade, a Xunta Directiva quere agradecer á produtora das festas, ALEDATE SL, e nominalmente ao seu administrador Juan Manuel López, a súa dedicación e implicación, coma se dun veciño máis se tratara, para tentar realizar as mellores festas posíbeis, e sempre en permanente contacto con esta Asociación, demostrando a súa profesionalidade en todo momento. Grazas ao seu empeño e esforzo puideron ser realizadas unhas festas que tentaron recoller o espírito das festas e verbenas populares e a esencia do rock no festival DenomeRock xunto con actividades para as nenas e nenos do barrio. Nós pensamos que esta mestura foi un acerto que celebramos e tentaremos repetir para o ano.

Por outra banda, a Xunta Directiva quere agradecer a colaboración dos clubs deportivos BM Ártabro, CF Xerión, CRAT de Rugby, Judo UDC e Arqueiros do Adarve pola organización das actividades polideportivas realizadas durante o desenvolvemento das festas e que completaron os eventos dedicados ás nenas e nenos do barrio. As súas exhibicións foron espectaculares e tentaremos volvelas a organizar en vindeiras ocasións.

Tamén comprácenos recoñecer e agradecer a implicación da maioría de comercios da nosa “Rede de Comercios” que colaboraron e axudando a promoción e á publicidade das festas. Todos eles apoiaron o evento desde o primeiro momento, incluso tendo en conta que nalgún caso non puidemos facer efectiva a súa colaboración mais si o seu apoio e a súa posta a disposición a esta Xunta Directiva.

E como non, agradecer a todas aquelas persoas voluntarias que botaron unha man, perdendo do seu tempo e do seu lecer, por axudar e colaborar con nós.

Por último tamén quereríamos agradecer a colaboración do concello, alén dalgún problema administrativo e falta de coordinación. Somos conscientes de que tiveron unha situación complicada e que tiveron que actuar sobre a marcha. Situación que poñemos en contexto e que serve de experiencia para que non se reproduza na organización das festas do ano que vén.

 

GRAZAS A TODAS/OS!

logos_todas_entidades_festas_novomesoiro2015

Carlos Ares pregoeiro das Festas de Novo Mesoiro 2015

Carlos Ares, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, será o noso pregoeiro das Festas de Novo Mesoiro 2015.

carlosares

O recén escollido Presidente da Academia Galega do Audiovisual, o guionista, o pouco granuxa, o produtor executivo e director, adoptado de Monte Alto, e desde hai dous anos de Novo Mesoiro cando participou de xurado no Entroido de 2013, un dos fundadores de Zopilote SL, partícipe dalgúns dos proxectos máis importantes do audiovisual galego das últmas dúas décadas, como “Mareas Vivas”, “Pepe o Inglés”, “O Rei da Comedia”, “Air Galicia”, “Goomer”, “As Leis de Celavella”, “Selección galega. 70 anos despois”, “Labregos do Mar”, “Vogando” ou «Era Visto»,  e, por suposto, curuñés de pro con carné CeTeuVe, Carlos Ares, será o pregoeiro das nosas festas este ano.

O pregon ten previsto realzarse ás 21.30 h, e será o pistoletazo de saída do concerto DenomeRock co que iniciaremos as festas deste ano. A partir dese momento agardamos que todas as actividades e eventos sexan do voso agrado e que todas e todos dsfrutemos destes tres días de esmorga e troula.

Reunión entre a nova concelleira de participación e a A.VV.

Este pasado venres varios membros da Xunta Directiva da A.VV. mantiveron un primeiro contacto co novo goberno municipal. Neste caso coa nova concelleira de Participación e Innovación Democrática Claudia Delso.

Nesta reunión foron trasladados todos os puntos reivindicativos que neste momento forman parte das demandas da asociación (podes velos pinchando neste enlace) e que xa no seu día foron trasladados a todas as candidaturas que se presentaron ás pasadas eleccións municipais. Con especial atención foron tratadas as reivindicacións da construción do Colexio Integrado, as necesidades de recursos humanos no Centro de Saúde, carente de servizo de matrona e cun so pediatra, ademais da falta de atención polas tardes e de servizo de urxencia, e, tamén, a mobilidade e transporte público e a falla de infraestruturas acaídas que nos conecten co Campus de Elviña e a propia cidade polo Birloque ou a avenida das Lamelas. Tamén foille remitido un pequeno informe urbanístico con anotacións de distintas e actuacións das cales a propia asocación está elaborando un estudo detallado para tratar de xeito diferenciado e integral.

O CPI, o Centro de Saúde ou a mobilidade foron algúns dos principais temas tratados.

Por último o tema que máis debate xerou na reunión foron as festas deste ano no barrio, que como todos os anos pretendemos que sexan no último fin de semana de agosto. Este asunto, que xa debería ter pechado o anterior goberno municipal, e que non chegou nunca a tratar coa asociación, estaba xa recollido na axenda da nova concelleira e do propio da área Cultura. Deste xeito a asociación comprometeuse a trasladar o proxecto que temos aprobado desde decembro do ano pasado (xa se remitu) co obxecto de darlle encaixe dentro do proxecto gobal de festas para a Coruña que está elaborando o actual goberno municipal. En todo caso, Claudia Delso indcounos que están procurando pechar en primeiro lugar o «Noroeste» para logo concretar barrio a barrio as festas e comprometeuse a poñernos directamente en contacto co concelleiro de Cultura (cousa que xa se fixo).

Lembra que para calquera aportación podes pinchar na pestana «AVISOS» desta mesma páxina.

20150710_164726 20150710_164707