Por unha Lei Galega da Saúde Mental

A Asociación Veciñal vén de iniciar unha colaboración coa Fundación Salma para a recollida de sinaturas de apoio, no noso barrio, a unha Iniciativa Lexislativa Popular por unha Lei Galega da Saúde Mental.

Na actualidade non existe na Galiza unha lei específica que recolla e salvagarda os dereitos das personas con problemas de saúde mental e que concrete con claridade as obligacións da Administración para garantir a atención sanitaria e a continuidade terapéutica. Isto implica que as persoas doentes, moitas veces, non teñan garantida unha atención acaída á súa doenza ou que, mesmo, o seu tratamento non teña uns protocolos establecidos ou sexan adecuados a unha temporalización axeitada para unha alta médica.

Pois a Fundación Salma vén de elaborar unha proposta articulada en forma de lei (que se pode ler integra premendo aquí) para que se debata no Parlamento galego e que inclúa todos estes dereitos e protocolos. Para isto elaborou esa ILP, ou Iniciativa Lexislativa Popular, que precisa dunha recollida de sinaturas, avalada pola Xunta Electoral, e que obriga ao Parlamento Galego a debatir a proposta. En total necesitan recoller 10.000 sinaturas en toda Galiza para que a súa proposta sexa debatida e, neste sentido, contactou connosco para que lle botemos unha man a recoller parte das sinaturas no noso barrio, cousa que imos realizar, como non podería ser doutro xeito.

A Asociación deixou as follas para poder asinar nas dúas farmacias que existen en Novo Mesoiro, tanto na farmacia Lage da rúa Ribeira Sacra, como na farmacia Nuria Alonso, da avenida de Novo Mesoiro, e até alí pódese achegar e lles botar unha man para que a súa proposta chegue ao Parlamento. Deste xeito, e durante os dous próximos meses, pódese preguntar polos pregos de sinaturas, xa que logo, ao ser unha iniciativa que ten un percorrido administrativo, ten que presentarse en tempo e forma, habendo un prazo, que para este caso remata en decembro.

Asinar esta ILP non implica que se estea de acordo co que nela se propón aprobar; asinar esta ILP significa que se apoia que se leve ao Parlamento galego para que en sede parlamentaria haxa o debate. Isto provocará que, unha vez que chegue ao Parlamento, os partidos políticos que alí están representados (PP, BNG e PSOE) se posicionen e se visualice se están polo labor de crear a lei ou de presentar emendas ou propostas para que, se procede, dea un encaixe mellor para o seu desenvolvemento dentro da estrutura do Sergas e do sistema de saúde galego. Por iso é importante botarlles unha man a recoller as sinaturas: porque estase a provocar un debate a respecto dunha situación que afecta a miles de persoas (a saúde mental) e que hoxe en día non ten cobertura no sistema sanitario.

Fotografía tomada nunha das farmacias colaboradoras onde poder asinar a iniciativa da Lei galega da Saúde Mental

Moitas grazas por asinar e colaborar con esta iniciativa da Fundación Salma.

#NovoMesoiroSolidario