A Asociación necesítache!

Vimos de celebrar a Asemblea para a renovación da Xunta Directiva. Despois de abrir dous prazos para a presentación de propostas só houbo unha persoa que se ofreceu para colaborar, mais resulta insuficiente para garantir a continuidade do proxecto.

Segundo os Estatutos da propia Asociación, o funcionamento mínimo, por agora, está garantido, cunha «xunta directiva en funcións» de 3 persoas, mais precisamos conformar un grupo de canto menos 7 persoas para cumprir co legalmente establecido.

É por isto que na Asemblea desde pasado xoves 14 se decidiu abrir un prazo extraordinario para incorporar a aquelas persoas que, sendo socias na actualidade, e ao corrente de pago, queiran sumarse a este equipo.

O traballo é ben pouco de aquí a fin de ano, xa que as actividades están encamiñadas: a festa do Samaín Magosto prevista para o 6 de novembro e que conta cun orzamento directo do Concello de 1.951,00 euros, e a festa dos xogos lúdicos, prevista para a fin de semana do 18-19 de decembro, de finanzamento da Deputación con 2.000,00 euros a xustificar e coeficiente 0,79, isto é subvención de 1.580,00 euros. Asemade, a lotaría de Nadal xa, tamén, está repartida, polo que só queda agardar a que nos toque o primeiro premio.

Mais todo este traballo pode non poder realizarse se non damos formado este grupo mínimo de 7 persoas.

O novo prazo, para presentarse para formar parte da nova Xunta Directiva comeza hoxe, luns 18, e remata o venres 29, ás 20.00 h, e todas aquelas e todos aqueles de vós que vos presentedes quedades xa convocadas/os a unha reunión a esa hora nos Espazos Teu (rúa Ribeira Sacra 17, baixo).

Para formar parte deste grupo é ben sinxelo: tes que mandar un correo a presidencia[arroba]novomesoiro.gal indicando nome e apelidos e unha forma de contacto ou chamar ao teléfono da Asociación, 677 40 40 29.

Moitas grazas por apoiarnos sempre e agardamos agora por ti.