Sen candidaturas á nova Xunta Directiva da Asociación

A Xunta Directiva da A.V. Novo Mesoiro traslada, en particular, ao conxunto das persoas socias da Asociación, en xeral, ao conxunto da veciñanza do barrio de Novo Mesoiro, que NON SE PRESENTOU NINGUNHA PROPOSTA DE CANDIATURA, unha vez esgotado onte, ás 23.59 h (aínda pendente de contrastar os envíos postais por correo certificado aberto até o luns), o prazo de presentación de candidaturas á elección de nova Xunta Directiva, debidamente conformadas segundo o artigo 20 dos Estatutos da Asociación.

Deste xeito resolveu, en función do artigo 42, puntos b), c), d), e), f), dos antes citados, habilitar até o 9 de outubro, ás 23.59 h, un prazo extraordinario para que aquelas persoas socias fundadoras e persoas socias titulares (segundo as exencións recollidas no artigo 14), cun mínimo de 6 meses de antigüidade, e ao corrente de pago das cotas con data de 31 de decembro de 2020, acheguen a súa proposta individual para a conformación, entre elas, dunha proposta de lista para candidatarse a nova Xunta Directiva.

Estas candidaturas individuais deberán enviar un correo ao enderezo electrónico «presidencia[arroba]novomesoiro.gal» co asunto «Candidatura individual á Xunta Directiva» no que indicarán o seu nome completo, un enderezo electrónico e número de teléfono de contacto.

Do mesmo xeito, e en función das persoas que se presenten, convocarase unha reunión (en tempo e forma, sempre antes da data da celebración da Asemblea Extraordinaria) para concretar a candidatura, postos de responsabilidade de cadansúa proposta e sinatura de aceptación, co obxecto de presentarse a elección de nova xunta directiva.

No entanto, a actual Xunta Directiva, en aplicación dos artigos 22 e 32 seguirán exercendo as responsabilidades da xestión, actuando coa normalidade correspondente derivada do mandato que hoxe en día desenvolve.

Sen outro particular, recibide un saúdo.

Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Novo Mesoiro.