Sen candidaturas á nova Xunta Directiva da Asociación

A Xunta Directiva da A.V. Novo Mesoiro traslada, en particular, ao conxunto das persoas socias da Asociación, en xeral, ao conxunto da veciñanza do barrio de Novo Mesoiro, que NON SE PRESENTOU NINGUNHA PROPOSTA DE CANDIATURA, unha vez esgotado onte, ás 23.59 h (aínda pendente de contrastar os envíos postais por correo certificado aberto até o luns), o prazo de presentación de candidaturas á elección de nova Xunta Directiva, debidamente conformadas segundo o artigo 20 dos Estatutos da Asociación.

Deste xeito resolveu, en función do artigo 42, puntos b), c), d), e), f), dos antes citados, habilitar até o 9 de outubro, ás 23.59 h, un prazo extraordinario para que aquelas persoas socias fundadoras e persoas socias titulares (segundo as exencións recollidas no artigo 14), cun mínimo de 6 meses de antigüidade, e ao corrente de pago das cotas con data de 31 de decembro de 2020, acheguen a súa proposta individual para a conformación, entre elas, dunha proposta de lista para candidatarse a nova Xunta Directiva.

Estas candidaturas individuais deberán enviar un correo ao enderezo electrónico «presidencia[arroba]novomesoiro.gal» co asunto «Candidatura individual á Xunta Directiva» no que indicarán o seu nome completo, un enderezo electrónico e número de teléfono de contacto.

Do mesmo xeito, e en función das persoas que se presenten, convocarase unha reunión (en tempo e forma, sempre antes da data da celebración da Asemblea Extraordinaria) para concretar a candidatura, postos de responsabilidade de cadansúa proposta e sinatura de aceptación, co obxecto de presentarse a elección de nova xunta directiva.

No entanto, a actual Xunta Directiva, en aplicación dos artigos 22 e 32 seguirán exercendo as responsabilidades da xestión, actuando coa normalidade correspondente derivada do mandato que hoxe en día desenvolve.

Sen outro particular, recibide un saúdo.

Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Novo Mesoiro.

Xa á venda a Lotaría de Nadal da Asociación

Como todos os anos, a esta altura, a Asociación ven de sacar á venda a súa Lotaría de Nadal. E como nestes anos volvemos xogar o número ao que estamos aboados, o 81110, que hai dous anos case nos dá un quinto premio.

Para poder collela tes os seguintes locais colaboradores que a teñen a disposición do conxunto da veciñanza do barrio:

E lembra, o maior premio é compartilo.

Convocatoria da Asemblea Xeral da Asociación

Hoxe mesmo, a Xunta Directiva vén de convocar a Asemblea Xeral Ordinaria e a Asemblea Xeral Extraordinaria da Asociación.

Deste xeito, todas as persoas socias fundadoras e titulares recibirán, a partir de mañá, por correo postal ordinario, a convocatoria para ambas. Porén, e para ir xa facilitando coñecer os contidos e os asuntos a tratar nas reunións, xa colgamos aquí ambas convocatorias, ás que están chamadas a participar todas as persoas socias da Asociación, independentemente da súa condición (persoa socia fundadora, persoa socia titular, persoa socia familiar ou persoa socia infantil), ao corrente de pago da cota a 31 de decembro de 2020:

A Coruña, 14 de setembro de 2021.

Prezada socia, prezado socio:

A través desta carta son convocadas Asemblea Xeral Ordinaria e Asemblea Xeral Extraordinaria da Asociación Veciñal de Novo Mesoiro, para o xoves 14 de outubro, nos espazos TEUS (rúa Ribeira Sacra, 17), a razón do seguinte desenvolvemento e das seguintes ordes do día:

Asemblea Xeral Ordinaria:

Día: xoves, 14 de outubro; Hora: 19.30 h, en primeira convocatoria; 20.00 h, en segunda convocatoria.

  • Orde do día:
    • Aprobación da/s acta/s da/s asemblea/s anterior/es pendentes.
    • Informe de Xestión.
    • Informe de Tesouraría.
    • Varios.

Asemblea Xeral Extraordinaria:

Día: xoves, 14 de outubro; Hora: seguidamente do remate da Asemblea Xeral Ordinaria.

  • Orde do día:
    • Punto único, elección de nova Xunta Directiva.

A respecto da Asemblea Xeral Ordinaria, o Informe de Xestión e o Informe de Tesouraría serán colgados nesta páxina web (puidéndose acceder aos mesmos premendo enriba de cada un) e nas nosas redes sociais (twitter e facebook) en tempo e forma para poder ser lidos previamente ao desenvolvemento da Asemblea.

A respecto da Asemblea Xeral Extraordinaria, a elección de nova Xunta Directiva rexerase polo establecido no CAPITULO IV (artigos do 38 ao 44 incluídos), dos Estatutos da Asociación (que se poden consultar premendo aquí). Neste sentido, todas as candidaturas que se presenten teñen de prazo para facelo até as 23.59 h do venres 24 de setembro, enviando un correo electrónico ao enderezo «presidencia[arroba]novomesoiro.gal» ou enviando por correo postal certificado ao enderezo “Despacho núm. 6, Centro Cívico Municipal de Novo Mesoiro, rúa Ancares, 15, C.P. 15190, A Coruña”, ao coidado da Asociación Veciñal Novo Mesoiro, a candidatura completa, con nomes e apelidos das persoas, e ordenada cos respectivos cargos asignados. As candidaturas deberán estar conformadas por, canto menos, sete (7) persoas (art. 20 dos estatutos) e poderán formar parte delas todas aquelas persoas socias fundadoras ou persoas socias titulares dadas de alta, ao corrente do pago das súas cotas a 31 de decembro de 2020 e/ou con máis de seis meses de antigüidade, segundo o recollido no CAPÍTULO II  (artigos do 8 ao 17 incluídos), dos estatutos da Asociación.

A respecto  do  pago da cota  do ano 2021, esta será domiciliada previa a celebración das asembleas sen que se produza suba algunha a respecto do último ano cobrado (2019), a razón das seguintes cantidades: persoa socia fundadora ou titular: 10,00 euros; persoa socia familiar: 3,00 euros; persoas socia infantil (menor de 18 anos): gratuíta. Esta domiciliación non condiciona a participación nas asembleas nas que poderán asistir, participar e votar (en función do disposto no artigo 11 e no artigo 17 dos Estatutos) todas as persoas socias ao corrente de pago a data de 31 de decembro de 2020.

Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Novo Mesoiro.

Por unha Lei Galega da Saúde Mental

A Asociación Veciñal vén de iniciar unha colaboración coa Fundación Salma para a recollida de sinaturas de apoio, no noso barrio, a unha Iniciativa Lexislativa Popular por unha Lei Galega da Saúde Mental.

Na actualidade non existe na Galiza unha lei específica que recolla e salvagarda os dereitos das personas con problemas de saúde mental e que concrete con claridade as obligacións da Administración para garantir a atención sanitaria e a continuidade terapéutica. Isto implica que as persoas doentes, moitas veces, non teñan garantida unha atención acaída á súa doenza ou que, mesmo, o seu tratamento non teña uns protocolos establecidos ou sexan adecuados a unha temporalización axeitada para unha alta médica.

Pois a Fundación Salma vén de elaborar unha proposta articulada en forma de lei (que se pode ler integra premendo aquí) para que se debata no Parlamento galego e que inclúa todos estes dereitos e protocolos. Para isto elaborou esa ILP, ou Iniciativa Lexislativa Popular, que precisa dunha recollida de sinaturas, avalada pola Xunta Electoral, e que obriga ao Parlamento Galego a debatir a proposta. En total necesitan recoller 10.000 sinaturas en toda Galiza para que a súa proposta sexa debatida e, neste sentido, contactou connosco para que lle botemos unha man a recoller parte das sinaturas no noso barrio, cousa que imos realizar, como non podería ser doutro xeito.

A Asociación deixou as follas para poder asinar nas dúas farmacias que existen en Novo Mesoiro, tanto na farmacia Lage da rúa Ribeira Sacra, como na farmacia Nuria Alonso, da avenida de Novo Mesoiro, e até alí pódese achegar e lles botar unha man para que a súa proposta chegue ao Parlamento. Deste xeito, e durante os dous próximos meses, pódese preguntar polos pregos de sinaturas, xa que logo, ao ser unha iniciativa que ten un percorrido administrativo, ten que presentarse en tempo e forma, habendo un prazo, que para este caso remata en decembro.

Asinar esta ILP non implica que se estea de acordo co que nela se propón aprobar; asinar esta ILP significa que se apoia que se leve ao Parlamento galego para que en sede parlamentaria haxa o debate. Isto provocará que, unha vez que chegue ao Parlamento, os partidos políticos que alí están representados (PP, BNG e PSOE) se posicionen e se visualice se están polo labor de crear a lei ou de presentar emendas ou propostas para que, se procede, dea un encaixe mellor para o seu desenvolvemento dentro da estrutura do Sergas e do sistema de saúde galego. Por iso é importante botarlles unha man a recoller as sinaturas: porque estase a provocar un debate a respecto dunha situación que afecta a miles de persoas (a saúde mental) e que hoxe en día non ten cobertura no sistema sanitario.

Fotografía tomada nunha das farmacias colaboradoras onde poder asinar a iniciativa da Lei galega da Saúde Mental

Moitas grazas por asinar e colaborar con esta iniciativa da Fundación Salma.

#NovoMesoiroSolidario