Fartos do servizo do bus no noso barrio

Doutra volta, e co comezo das aulas, os servizos de transporte público colectivo para Novo Mesoiro vense colapsados provocado pola insuficiencia que actualmente nos presta a Compañía de Tranvías.

A oferta que hoxe en día existe é «pírrica» malia o reforzo concreto en horas punta que non chega para trasladar ao conxunto de persoas usuarias que empregan o bus para se desprazar desde, e ao barrio, principalmente, aos centros de ensino secundario de Elviña ou aos centros de traballo do polígono de Agrela.

Neste sentido, a Xunta Directiva da Asociación mantivo un encontro, esta semana, co presidente do Comité de Empresa e varios traballadores da propia Compañía de Tranvías para analizar a situación actual e falar sobre as distintas propostas de mellora que ambos colectivos temos trasladado, nos últimos anos, tanto á empresa como á Área de Mobilidade do Concello da Coruña.

Así, a Presidencia do Comité informounos que existe sobre a mesa unha proposta de mellora de percorrido que os traballadores presentaron á Compañía e ao Concello. Esta proposta de mellora pasa por recuperar o traxecto pola rúa Fernández Latorre cara a praza de Catro Camiños, empregado durante as obras da rotonda da avenida de Salgado Torres coa rúa Pérez Ardá, para posteriormente incorporarse a través da rúa Enrique Hervada e a rúa Castiñeiras á rúa Federico Tapia, precisamente polo percorrido que a liña empregaba cando por esta rúa transcorría o carril-bus até a praza Pontevedra. Segundo a representación dos traballadores este novo percorrido desde Novo Mesoiro acortaría a frecuencia en beneficio das persoas usuarias e dos propios traballadores da Compañía.

Imaxe cenital do bus núm. 416 da liña 21 ao seu paso polo barrio

E efectivamente, esta proposta redundaría nun mellor servizo e, como non podería ser doutro xeito con iniciativas deste tipo, trasladámoslles o noso apoio ao novo percorrido, mais tamén advertimos que sen unha reforma máis profunda e estrutural a situación actual da liña 21 se fai insostíbel, insistíndolles durante a reunión en sinalar a necesidade de incorporar un novo bus á actual liña para paliar de xeito inmediato a demanda de servizo existente que non é cuberta.

Asemade, dímoslles traslado da nosa proposta da implantación dunha nova liña, a 21A que presentamos xa en 2017, e que pretende conectar ao barrio co campus de Elviña e co barrio de Matogrande, co obxecto de garantir a mobilidade coa zona universitaria e cos centros educativos e cos centros sanitarios deste outro barrio coruñés e onde unha parte importante da veciñanza do noso barrio ten as crianzas estudando ou ten derivados os servizos do persoal médico de atención primaria.

Tamén consideramos “dramático” que as persoas responsábeis da Área municipal de Mobilidade teñan anunciado, a semana pasada, a súa renuncia á reformulación integral das liñas (incluídas a actual, a 21, e a posíbel implantación da liña 21A) dada, segundo aquelas propias persoas responsábeis do Goberno Municipal, a inseguridade xurídica emanada da sentencia xudicial anulatoria da baixada das tarifas do bus acometida no mandato municipal anterior.

A situación sobre o servizo do transporte público colectivo en Novo Mesoiro é hoxe en día insostíbel. Máis ante a próxima evolución demográfica do barrio na que a mobilidade de miles de persoas non está garantida e colapsará a estrada de Feáns cara Elviña e Agrela. A xerencia da Compañía de Tranvías non está polo labor de prestar un servizo público; só está interesada no seu lucro e nos pingües beneficios xerados do secuestro derivado do actual contrato sen lle importar o que lle acontece á veciñanza do barrio de Novo Mesoiro. Cremos que a mobilidade debe ser un dereito ao que pode acceder toda a veciñanza. Se as persoas que deben garantir ese dereito, o Goberno Municipal, renuncian a lle exixir á Compañía de Tranvías as melloras necesarias para facer cumprir ese dereito entendemos que é toda unha declaración de intencións a respecto do proxecto da nova licitación do servizo que está prevista para 2024.

E en relación a esta vindeira licitación incluiremos entre as nosas demandas que tanto o Goberno Municipal actual como o que saia elixido para o vindeiro mandato entre 2023 e 2027 analicen, como primeiro criterio a seguir, tras remate da actual concesión do transporte urbano colectivo o estudo de detalle para municipalizar o servicio co obxecto de garantir o seu control efectivo, nomeadamente todo o referido á configuración das liñas e aos percorridos a trazar, aos prezos, ás frecuencias e aos horarios, e co obxecto de acabar con calquera outro monopolio abusivo como o que hoxe, e despois de máis de 30 anos, exerce a Compañía de Tranvías.

Las lineas 23 y 23A amplían horario durante la Feria de las Maravillas, la linea 21 conserva su horario habitual

Las lineas 23 y 23A amplían horario durante la Feria de las Maravillas, la linea 21 conserva su horario habitual, os dejamos la nota de prensa publicada por el Ayuntamiento ayer:

A Concellería de Mobilidade Sostible lembra que, co gallo da celebración da Feira das Marabillas, que se celebrará desde mañá día 20 ata o luns 25 de xullo na Cidade Vella, e á fin de dar cobertura á veciñanza dos distintos barrios da Coruña que queiran achegarse á festa, o Goberno local ampliará por vez primeira e ata despois de media noite o servizo de transporte público urbano. Á xa anunciada prolongación do horario de liñas que circulan por Porta Real, súmanse novas con parada na praza de España. Deste xeito, doce liñas de autobús circularán polas rúas da Coruña ata as 00.30 horas conectando o centro co resto do municipio, nunha aposta por unha mobilidade máis sustentable durante as festividades locais.

As liñas que ampliarán o seu servizo serán as máis próximas ao espazo onde se celebrará a 22a edición desta tradicional feira. Así, as liñas 1, 1A, 2, 2A, 3, 3A, 23 e 23A, que circulan por Porta Real, e agora tamén as liñas 6, 6A, 7 e 11, que transitan pola praza de España, estarán dispoñibles para a veciñanza ata as 00.30 horas da noite, ofrecendo así a posibilidade empregar o transporte público para os desprazamentos durante a Feira.

A Concellería lembra tamén que desde hoxe, día 19, e ata as 15.00 horas do día 25, estará prohibido o estacionamento en toda a Cidade Vella. Non obstante, como noutras edicións, habilitaranse unha serie de zonas especialmente reservadas para os e as residentes. Os veciños e veciñas que dispoñan de acreditación de garaxe poderán acceder a eles todos os días a partir do peche do mercado, ás 00.00 e ata as 11.00 horas do día seguinte, e, pola tarde, entre as 14.00 e as 17.00 horas.

A Concellería de Mobilidade Sostible aumentará as frecuencias da liña 21 do autobús urbano este venres e sábado para dar cobertura ao Campionato de España de Boxeo Aficionado

Dentro da súa decidida aposta polo deporte de base e non profesional, o Concello da Coruña colabora co Campionato de España de Boxeo Aficionado que se está a celebrar na cidade, concretamente no polideportivo de Novo Mesoiro. O evento, que reúne a máis de 300 deportistas de todo o Estado, conta coa colaboración de distintos departamentos do Goberno municipal. En concreto, a Concellería de Mobilidade solicitou á Compañía de Tranvías a ampliación das frecuencias da liña 21 do autobús urbano para as xornadas de venres e sábado, á fin de dar unha maior cobertura á cita deportiva. A frecuencia da citada liña, que conecta o centro da cidade co barrio de Novo Mesoiro será reforzada entre as 11.00 e as 14.30 e entre as 16.30 horas e as 21.30.

Ademais, o Concello tamén colabora coa organización do evento con tarefas loxísticas ao ceder o espazo no que se celebra o campionato. A este respecto, o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, quixo destacar que “esta cita deportiva, unha vez máis, sitúa A Coruña, de xeito destacado, no mapa do deporte galego e estatal”. “Esta é unha cidade cunha gran tradición puxilística, con deportistas, mulleres e homes, de primeiro nivel, pero tamén cunha cada vez maior aficción a nivel amateur”. “Este Concello aposta de forma decidida polo deporte de base, tanto polos valores que fomenta como pola súa accesibilidade, e o noso compromiso con este campionato é mostra, unha vez máis, delo”, comentou, á vez que destacou tamén o papel da veciñanza da zona, “que está volcada neste evento, que non só é unha cita deportiva moi reseñable, senón que atrae xente a toda a cidade”.

ESQUERDA UNIDA PROPÓN CONECTAR NOVO MESOIRO CO CHUAC E A UNIVERSIDADE, MEDIANTE TRANSPORTE PÚBLICO COLECTIVO

EU nos manda la siguiente nota:

A concelleira de barrio recoñeceu recentemente a imposibilidade de mellorar as conexións de bus de Novo Mesoiro, escudándose na blindaxe do contrato coa Compañía de Tranvías pero obviando a posibilidade que ten o goberno municipal de negociar coa dita empresa concesionaria.

Esquerda Unida propón conectar Novo Mesoiro co CHUAC e a Universidade, mediante transporte público colectivo. O barrio, un dos máis populosos e mozos da cidade, necesidade urxentemente mellores conexións de autobús para paliar as grandes eivas que padece en canto mobilidade, tal e como demanda a Asociación Veciñal Novo Mesoiro, xorde por tanto, a necesidade de crear unha nova liña, ou ben desviar as existentes (21, 23, 23A) para conectar o barrio coa zona de Espacio Coruña, coa Universidade e con Matogrande, con destino final no CHUAC e no Materno Teresa Herrera. Chegou, por tanto, o momento de poñer coto ao albedrío da Compañía de Tranvías que segue a estruturar as comunicacións locais, impoñendo uns horarios e unhas condicións que obrigan as veciños a adaptarse ás condicións da concesionaria en lugar de que esta se adapte as necesidades da veciñanza. Leer más